A II Mostra de Cantareiras e Cantareiros en Cervo reunirá grupos da Mariña e Ortegal

AMariñaXa
O evento celebrarase o 11 de outubro no salón de actos do Concello con música tradicional e voces de diferentes asociacións culturais
instrumentos-pandeiretas
7 Oct 2025

Cervo converterase o sábado 11 de outubro nun punto de encontro para a música tradicional galega coa celebración da II Mostra de Cantareiras e Cantareiros, organizada pola Asociación Cultural Airiños do Xunco coa colaboración do Concello. A cita desenvolverase no salón de actos municipal a partir das 18:30 horas.

Nesta segunda edición participarán agrupacións chegadas de distintos puntos da comarca e tamén doutros concellos próximos: a Asociación Cultural Amado Lar do Valadouro, a Asociación Cultural Troula do Ortegal de Ortigueira, a Asociación Folclórica Arco da Vella de San Miguel de Reinante e o grupo Cordenaía de Cervo.

A iniciativa busca poñer en valor a tradición oral e musical galega, recuperando cantos que foron transmitidos de xeración en xeración e que forman parte da identidade cultural do país. Desde a organización destacan que “este tipo de encontros serven non só para compartir repertorios, senón tamén para fortalecer os lazos entre colectivos e manter viva a nosa música popular”.

O Concello de Cervo anima á veciñanza e visitantes a achegarse a esta cita que, segundo explican, “é unha oportunidade única para gozar da autenticidade das nosas cantareiras e cantareiros, e para apoiar ás asociacións que traballan durante todo o ano na defensa da tradición galega”.

⚙ Configurar cookies
0.091742992401123