A hostalería ribadense contará cun incremento horario polas festas patronais de Ribadeo 2023
Chega o mes de setembro e chegan as festas patronais de Ribadeo, así, durante todo este período a hostalería do concello, "na plena totalidade, vai ter un incremento horario de dúas horas”, dixo o alcalde, Dani Vega, que considera que na semana das festas patronais é importante que o tecido económico se beneficie da moita xente que se achegará a Ribadeo.
Para Dani Vega “nesta semana de festas é importante que o tecido económico local se beneficie de que veña moita xente, que se incremente ese horario e que entre todos teñamos unhas festas agradables, que creo que son importantes para todos os veciños”.
E engadiu que “por iso o Concello debe colaborar, debe estar sempre ao lado do noso tecido económico para seguir dando pasos importantes e continuar crecendo todos como concello”.
As festas patronais 2023 arrincan esta tarde co pregón que pronunciará o ex alcalde ribadense, José Carlos Rodríguez Andina, a partir das 20.30 horas no Teatro. Será presentado polo coñecido xornalista ribadense Fabián Pérez. O 2 de setembro terá lugar o Xara Fest, o primeiro festival de música underground, que se celebra en Ribadeo e que se enmarca dentro da programación das festas patronais.
Gonzalo Lebredo, un dos membros da comisión organizadora, anunciou que “haberá o día dos maiores para achegar os festexos ata a residencia e o centro de día, tamén se celebrará o día do neno, a tradicional sesión de fogos artificiais do 7 e o día grande será o 8 de setembro”. Un amplo programa de actividades para todos os públicos se desenvolverá entre o 1 e o 10 de setembro en Ribadeo e no que o deporte tamén estará presente con trofeos de baloncesto, billarda e fútbol, entre outros, así como charangas e orquestras “de moito nivel”. Os pratos fortes dos festexos serán Budiño e Magic Queen.