A hostalería local contará con vasos de plástico reutilizable no Ribadeo Indiano

AMariñaXa
A hostalería local contará con vasos de plástico ríxido reutilizable para o IX Ribadeo Indiano, que foron presentados pola organización do evento
presentación_vasos_ribadeo_indiano
presentación_vasos_ribadeo_indiano
4 Xul 2024

A hostalería local contará con vasos de plástico ríxido reutilizable para o IX Ribadeo Indiano, que foron presentados pola organización do evento. Trátase de 10.000 recipientes serigrafiados. “Acisa coorganiza xunto ao Concello o Ribadeo Indiano, cita na que nos implicamos de xeito especial, xa que se trata dun evento que cada ano se fai máis importante para o comercio e a hostalería ribadense, e que xera unha actividade económica inigualable”, indica a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.

Todos os negocios están “agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 12 ao 14 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe damos a coñecer”. O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez explicou, que van repartir “de xeito gratuíto 10.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100 % reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano”.

Adena, son conscientes “de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios. Tamén queremos amosar o noso compromiso co coidado do medio  ambiente”. Están pensados para quedar de recordo nas s casas, “cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Os vasos deberanse recoller nas oficinas de Acisa este venres, 5 de xullo, en horario de 9.30 a 14.30 horas”, indica Cruzado.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, aludiu ao traballo conxunto entre Acisa e o Concello: “Levamos meses de intenso traballo no Ribadeo Indiano, tanto na ampla programación da que van gozar ribadenses e visitantes, como coas presentacións que fixemos fora de aquí en Oviedo ou en Santiago de Compostela Todo co obxectivo conxunto, por parte do Concello e de Acisa, de que este evento histórico cultural sexa o máis coñecido posible tanto aquí como nas Américas. A conta atrás para o Ribadeo Indiano 2024 A alma de dous mundos comezou”

O xerente de Acisa fai un chamamento especial aos comerciantes e hostaleiros de Ribadeo para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates: “Para iso lles facilitamos de forma gratuíta a cada socio e socia, bandeiras e flocos, mais de 7.000 metros destes materiais e 700 faroliños, que xunto coa decoración das rúas fan mais de 20.000 metros e 1.000 faroliños. Sen dúbida poñemos todo da nosa parte para engalanar os negocios e as rúas da vila. Queremos tamén animar a que os locais decoren cun ambiente floral as súas fachadas e terrazas”.

0.14898705482483