A hostalería de San Cibrao regresa co sabor das súas tapas

AMariñaXa
A cita gastronómica, apoiada polo Concello de Cervo, reunirá cada xoves a seis establecementos locais que ofrecerán elaboracións únicas a 2,5 euros
Sanci-Tapeando CERVO
13 Oct 2025

A partir deste xoves, 16 de outubro, San Cibrao volverá converterse nun punto de encontro para os amantes da boa comida coa volta do “Sanci Tapeando”, unha iniciativa que pon en valor a creatividade e o dinamismo da hostalería local. Esta proposta, que conta co respaldo do Concello de Cervo, pretende fomentar o consumo nos bares da vila e ofrecer unha experiencia culinaria accesible e de proximidade.

Nesta nova edición participan seis establecementos: Cervecería A Penúltima, Cervecería Las Titas, Bar Maruxaina, Bar O Faro, Terraza O Noso Lar e Bodega De Ana. Cada un deles elaborará unha tapa diferente e orixinal, dispoñible todos os xoves a un prezo único de 2,5 euros.

A presentación do evento tivo lugar na Casa da Cultura, coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, da concelleira Mali Méndez e de representantes dos locais implicados. A rexedora destacou o esforzo e a implicación dos hostaleiros, sinalando que “o Sanci Tapeando é unha mostra do espírito emprendedor e da calidade gastronómica que temos en San Ciprián”.

As persoas que se animen a percorrer os bares participantes poderán, ademais, optar a un sorteo de dous vales —de 200 e 100 euros— para gastar nos propios establecementos adheridos.

Para este primeiro xoves, 16 de outubro, as tapas previstas son:

  • Cervecería A Penúltima: solombo en salsa de castañas
  • Cervecería Las Titas: timbal de gulas
  • Bar Maruxaina: mexillóns á mariñeira
  • Bar O Faro: tosta castelá
  • Terraza O Noso Lar: hamburguesa de tenreira con queixo San Simón e cebola caramelizada
  • Bodega De Ana: ovos rotos

O Concello de Cervo anima á veciñanza e visitantes a participar nesta nova edición, “unha excelente oportunidade para degustar produtos de calidade, apoiar o comercio local e compartir momentos agradables”.

Todas as novidades e as tapas de cada semana poderán seguirse a través da páxina de Facebook “Sanci Tapeando”, onde se irán actualizando as propostas dos locais participantes.

⚙ Configurar cookies
0.069576978683472