A hostalaría de Ribadeo abrirá dúas horas máis as fins de semana e os festivos
Os establecementos hostaleiros de Ribadeo poderán abrir dúas horas máis durante as fins de semana do verán e pontes festivas grazas á Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos. “Parécenos moi interesante poder ofrecerlle este servizo aos nosos asociados e asociadas, deste xeito dáselles a oportunidade de poder traballar mais horas durante estas datas de gran afluencia turística onde as ceas, de amigos e de familia, son moitas e as ganas de festexar e celebrar son aínda mais”, explica a presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado.
Deste xeito, tamén a veciñanza poderá gozar de máis horas de lecer na hostalería. “Queremos animar ás veciñas e veciños de Ribadeo e da nosa contorna e aos turistas que nos visitan a desfrutar das fines de semana de verán na hostalería ribadense, que ten moito que ofrecer, tamén polas noites, onde atopamos locais cun ambiente impecable, con persoal cualificado e trato amable, e por iso animamos a todas e todos a gozar do verán na nosa hostalería, nos seus locais e nas súas terrazas”.
Cruzado Iglesias agarda que “este sexa un grande verán para todo o sector empresarial de Ribadeo, porque iso redundará de xeito moi positivo no noso municipio”. Os establecementos de hostalería asociados a Acisa Ribadeo, contarán con dúas horas mais sobre a licenza habitual de peche todas as madrugadas dos venres e sábados de xullo e agosto. Ademais, súmanse as madrugadas do 24 ao 25 de xullo con motivo da festividade do Apóstolo, as madrugadas do 14 ao 18 de agosto con motivo das festas de San Roque, as madrugadas do 1 ao 8 de setembro, datas nas que se celebrarán as festas patronais.
"Algo que sen dúbida cremos favorecerá ao sector asociado para poder exprimir ao máximo estes días de gran actividade económica”, di o xerente de Acisa, Jesús Pérez. Deste xeito, os locais hostaleiros gozarán dunha ampliación de 2 horas máis sobre o seu horario habitual de licenza. “As ampliacións segundo licenza son as seguintes: os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02.30 a facelo ás 04.30 horas, as discotecas e salas de festas poden pasar das 06.00 ás 08.00 e os pubs das 04.00 ás 06.00 da madrugada”.