A gastronomía, o centro das festas de verán na provincia de Lugo e Galicia
O polbo, a empanada, o viño, a oliva, a tortilla, o percebe, a carne ao caldeiro, o mel... estes son os ingredientes necesarios para pasalo ben nunha festa de verán polos distintos concellos da provincia de Lugo, desde A Mariña lucense ata a Ribeira Sacra, pasando pola Terra Chá, pola Montaña de Lugo e pola comarca de Sarria.
Os galegos, e sobre todo os lucenses, desfrutamos dunha festa cando vai acompañada de boa comida, boa música e boa compañía, e por iso existe o slogan de “E para comer, Lugo”, recoñecido en Galicia e fóra dela, xa que miles de persoas veñen desfrutar da nosa gastronomía e dos nosos costumes culturais, etnográficos, sociais e, por suposto, do ámbito culinario.
A continuación, poderase consultar a información relativa aos diferentes eventos gastronómicos da provincia de Lugo segundo os meses nos que se desenvolvan.
XULLO
Pola súa parte, en xullo chega a Celeiro a XXV Festa da Merluza do Pincho, unha cita imprescindible na época estival, xa que supón un dos eventos gastronómicos máis importantes da comarca da Mariña Lucense, que pon en valor un dos produtos de máis prestixio da gastronomía galega. Durante a iniciativa, que adoita celebrarse o segundo sábado de xullo, as persoas que se acheguen poderán desfrutar da deliciosa merluza elaborada de formas diferentes: en empanada, en caldeirada, a la gallega, en salsa verde, en salpicón, la especial Penalba…
Tamén en Celeiro desenvolveranse as súas grandes festas de verán, as Festas Patronais e do Mar de Celeiro en Viveiro durante os días 22 e 26 de xullo, nas que haberá unha ran festa da cervexa e empanada, na que haberá degustación de ámbolos dous produtos así como música durante todo día e actividades culturais.
Pola súa banda, en Xove celébrase tamén nestas datas a Festa do Percebe, na que se poderá degustar este produto típico do mar, acompañado de boa música que chegará ao municipio para amenizar a xornada culinaria.
AGOSTO
En agosto, as festas gastronómicas da provincia de Lugo multiplícanse, sendo o mes por excelencia da comida e a verbena. Así, os días 3 e 4 de agosto terá lugar a XXXVIII Feira do Bonito terá lugar o 3 e o 4 de agosto na zona portuaria de Burela, que ofrecerá o produto típico do mar Cantábrico en porcións de bonito asado á grella, de bonito cocido e outra de empanada de bonito. Ademais, durante a festa tamén haberá acompañamento musical e outras actividades culturais e concursos para que as persoas poidan participar.
Esa mesma fin de semana celebrarase a Festa do Percebe de Rinlo, en Ribadeo, festa na que todas as persoas que se acheguen poderán desfrutar da festa e degustación deste crustáceo mariño, mentres se desfruta da boa compañía e da música da festa.
Pola súa parte, os concellos de Cervo e Barreiros compiten cada ano por ter o mellor ovo frito, xa que ambos celebran a Festa do Ovo Frito, aínda que Cervo leva XVII edicións e Barreiros celebra a súa VI edición. Nesta festa, que celebran os dous concellos o mesmo día e á mesma hora, serven 1.000 racións de ovo frito por hora, acompañados de 4.500 chourizos e máis de 1.000 kg de patacas.
Ademais, tamén en Barreiros, cada ano celébrase a Festa da Tortilla en Celeiro de Mariñaos, normalmente o terceiro sábado de agosto, dúas semanas despois da Festa do Ovo Frito. O ano pasado, na Festa da Tortilla presentáronse vinte concursantes para elaborar a mellor e máis grande tortilla nas catro categorías do concurso e destacou a elaboración dunha tortilla de 720 ovos, 100 kg de patacas e 10 kg de cebolas. Outra festa celébranse en Barreiros en agosto, a Festa do Marisco, que terá lugar a súa V edición os días 16 e 17 de agosto.
Nestas mestas datas, desenvólvese todos os anos a Festa da Carne ao Caldeiro de Remourelle, en Ribadeo, na que as persoas que se acheguen poderán degustar do tradicional prato composto por tenreira galega cocida con pementón, acompañada da música tradicional que se elixa para amenizar a xornada ribadense.
Pola súa parte, Viveiro tamén acolle diversas festas gastronómicas durante o mes de agosto, como a Festa do Xamón Cocido, na que haberá degustación deste prato típico galego, así como a Romaxe do Bo Xantar en Viveiro, na que a gastronomía será a protagonista da romaría do Naseiro, que na última edición comezou cunha xornada dedicada ao polbo. Finalmente, tamén se celebra a Feira da Cervexa Artesá a primeira fin de semana de agosto, durante a que as persoas interesadas poderán probar ata 60 tipos de cervexas artesás, ademais da cervexa local Xistral.
Baixando da Mariña Lucense cara Lugo, a finais de agosto celébrase unha das festas máis recoñecidas de toda Galicia, que é a Festa do Pemento de Mougán en Guntín, na que miles de persoas desfrutan deste produto típico da gastronomía galega, que vén acompañado pola degustación do churrasco que se ofrece aos visitantes.
Por outra banda, en Castroverde, tamén a finais, sobre o día 20 de agosto, celébrase a Feira da Artesanía e Gastronomía do municipio, onde hai degustación de produtos típicos como o queixo, o viño, o pan... pero tamén acollen exhibición de coches clásicos, talla e escultura, cestería e actividades culturais.
Xa na comarca de Sarria, Láncara adoita acoller a segunda semana de agosto a Festa da Troita, na que as persoas interesadas en desfrutar deste produto gastronómico do río Neira poderán facelo de forma gratuíta nos establecementos dalgunhas parroquias do municipio.
Na Ribeira Sacra tamén se celebran diversas festas gastronómicas en agosto, como a Festa da Empanada de Chantada, que se desenvolve o último martes de agosto e na que, ademais de empanada, pódese desfrutar do viño da Ribeira Sacra, e máis actividades culturais que forman parte tamén das súas festas patronais. Ademais, ete ano celébrase a edición XXXIII da Mostra do Mel de Quiroga, posiblemente a segunda semana de agosto, que, ademais de acoller postos de mel artesá, traerá grandes actuacións musicais durante varios días para os visitantes. Finalmente, Sober acollerá a Feira da Rosca e Produtos da Ribeira Sacra a segunda fin de semana de agosto, poñendo en valor a rosca, o produto gastronómico máis importante do municipio.
SETEMBRO
As festas gastronómicas non rematan en agosto, polo que en setembro pódense atopar diversas propostas culinarias para desfrutar da comida popular de Galicia. Así, o primeiro venres de setembro celébrase a Festa da Troita no Corgo, na que se ofrecen troitas e churrasco ás persoas que se achegan como parte do evento. A festa está organizada pola asociación de pescadores Ponte de Areas e con eles colabora os concellos do Corgo, de Guntín e do Páramo. Por outra banda, o último domingo de setembro celébrase a Feira do poldro e do gando do monte en Muras, festa considerada de interese turístico galego na que se poderá degustar da carne vacún e cabalar.
Ademais, esta mesma e última fin de semana de setembro terá lugar a Festa da Faba de Lourenzá, unhas xornadas gastronómicas nas que adoita haber degustacións da faba conxuntamente con catas de viños de adegas do municipio, todo iso acompañado de música e actividades culturais.
OUTUBRO
Xa en outubro, na capital da provincia, celébrase a Feira do Mel, na que se organiza cada ano unha cata de mel así como varios artesáns exponen os seus produtos en postos establecidos no centro de Lugo a mediados de mes. Da mesma maneira, O Valadouro tamén celebra a súa Feira do Mel coincidindo coa celebración da festa homónima en Lugo, a mediados de mes. Nesta, hai exposición do mel e outros produtos típicos da zona e da tempada. Aínda que tamén acolle obradoiros, música e actividades culturais.
E tamén terá lugar a Festa da Castaña de Samos, recuperada o ano pasado e que se espera que este ano volva a achegar aos turistas este produto típico do municipio.
NOVEMBRO
Entre outubro e novembro as festas gastronómicas típicas son aquelas nas que se ponen en valor os produtos típicos da tempada, como son o mel e a castaña. Así, en novembro tamén se celebran festas do mel, como a Feira do Mel de Montaña de Muras, que se desenvolverá o terceiro fin de semana do mes co fin de potenciar e dar a coñecer este produto, aínda que tamén se poderá degustar de maneira gratuíta os liscos, así como desfrutar de diferentes obradoiros e actuacións musicais.
Con respecto á castaña, Burela acolle todos os anos unha festa dedicada a este produto, na que todas as persoas participantes poderán desfrutar a segunda fin de semana do mes e que tamén incluirá cantos de taberna, obradoiros, xogos populares para nenos, unha gran foliada a concertos.
Aínda que non é a única, na outra punta da provincia, en Folgoso do Courel, tamén se celebra a Festa da Castaña, aínda que algo antes, a primeira fin de semana do mes, na que, ademais de castañas asadas, as persoas que se acheguen poderán degustar viño e desfrutar das actuacións musicais organizadas.
DECEMBRO
As últimas festas gastronómicas da provincia de Lugo do ano celébranse en decembro, mes no que Vilalba acolle a Feira do Capón, unha feira anual que se celebra antes de Noite Boa, enchendo a praza da Constitución de visitantes que se achegan a desfrutar dunha festa con máis de 200 anos de antigüidade e con gran repercusión internacional, na que ademais do capón, hai actuacións musicais de grupos folclóricos galegos.