A gastronomía e a paisaxe da Mariña presentáronse en Bilbao

AMariñaXa
Levaron a súa renovada marca turística ao mercado vasco, un dos seus principais mercados domésticos e co que o destino galego se sente especialmente conectado
visita-presentacion-marina-bilbao
23 Oct 2025

Desde agora A Mariña está un pouco máis unida a Bilbao. Este mércores, 22 de outubro, a cidade vasca acolleu o acto de presentación do destino A Mariña, un evento dirixido a operadores de turismo e axencias do sector turístico bilbaíno que contou tamén coa participación de representantes institucionais do Concello de Bilbao.

A Mancomunidade de Municipios da Mariña, no marco do Plan de Sostibilidade Turística, desprazouse ata Bilbao para presentar a súa renovada marca turística ao mercado vasco, un dos seus principais mercados domésticos e co que o destino galego se sente especialmente conectado. O acto, que congregou a máis de 70 persoas nunha céntrica sala de Bilbao, converteuse nun emotivo momento de simbolismo no que ambos os territorios referendaron a súa unión como territorios cantábricos e sentaron as bases para un proxecto de colaboración de futuro.

O evento comezou cun acto simbólico no que a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, e a concelleira da Área de Desenvolvemento Económico, Comercio, Turismo e Emprego de Bilbao, Kontxi Claver, intercambiaron as placas representativas de cada lugar, acompañadas pola directora de Bilbao Turismo, Mercedes Rodríguez Larrauri.

No caso da Mariña, entregou un azulexo elaborado por Sargadelos marcado co nome Rúa Bilbao, en homenaxe aos seus anfitrións; mentres que o Concello de Bilbao fixo entrega dunha reprodución típica dunha placa das rúas de Bilbao estampada co nome Calle A Mariña Kalea.

En palabras de Rocío López, “esta é unha maneira de impulsar lazos con territorios próximos da área Cantábrica e establecer relacións institucionais e comerciais cunha cidade que desde o minuto un entendeu as nosas propostas e ofreceunos o seu apoio”. Así, lembrou que ambos os lugares, unidos polo Cantábrico, comparten unha riqueza inmensa “que nos une e diferéncianos desde unha perspectiva xeográfica, cultural, histórica e económica”.

O País Vasco é un dos principais mercados domésticos da Mariña, de aí a importante vinculación entre ambos territorios, selada con este acto de fraternidade co que, segundo Rocío López, “queremos avanzar na captación de mercados moi concretos, visitantes que gocen e respecten os nosos recursos e que nos permitan avanzar na consolidación dun modelo de turismo integrador, responsable e sostible”.

Marca turística

A continuación, Rocío López, acompañada da vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, dirixiu o acto de presentación da nova marca turística A Mariña, no que se proxectaron os vídeos da Mariña, Toma o teu tempo e A Mariña Latexa contigo. Axencias de viaxes e touroperadores tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a oferta turística dun territorio diverso e rico, cunha personalidade propia e con propostas de valor que atraen cada ano a miles de visitantes. “Traballamos por promover o noso rico patrimonio cultural, pero tamén para consolidar o turismo deportivo, de natureza e de aventura; avanzamos en consolidar o produto BTT, favorecer o turismo ornitolóxico e promover a gastronomía como feito económico, social e cultural que traza a personalizade do noso territorio”, explicou durante a súa intervención. Ao mesmo tempo, lembrou que a nova marca da Mariña “identifícanos con forza ante o mundo e tamén ante nós mesmos”, de aí a importancia de compartila “con orgullo” máis aló das súas fronteiras porque “representa o que somos: un recuncho de Galicia que sorprende, un territorio diverso e acolledor, con carácter propio”.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, agradeceu a gran acollida de Bilbao ao destino turístico da Mariña e destacou que o empuxe deste destino vén dado por todas as persoas que conforman este proxecto, desde profesionais do sector ata a poboación, “alma do noso destino”. En especial, sinalou que esta colaboración co sector propiciou un gran impulso do Plan de Sostibilidade Turística, cunha oferta diversa e extensa dun sector “concienciado e comprometido coa calidade e a sustentabilidade”. Neste sentido fixo referencia aos establecementos adheridos ao SICTED, á rede de aloxamentos turísticos Slow Norte de Galicia e ao Colectivo de Gastronomía dá Mariña, presente neste acto a través do servizo de degustación de produtos locais.

Gastronomía local

Os asistentes degustaron unha variedade de produtos locais elaborados por destacados chefs da Mariña, membros do Colectivo de Gastronomía da Mariña, que se desprazaron ata Bilbao. Mar Orosa, do restaurante El Oviedo de Ribadeo; Javier Montero, do hotel-restaurante Javier Montero; e Isaac Díaz Varela, do restaurante Taberna Galiana, ofreceron un menú degustación a base de carnes, peixes, mariscos, verduras e legumes propias da Mariña. Unha oportunidade única para gozar dos sabores do territorio lucense en Bilbao, compartindo a orixe e a calidade de produtos únicos preparados pola man de referentes da gastronomía.

Empanada de polbo en verza, bonito de Burela, fabas de Lourenzá con ameixas de Foz, pescada do pincho de Celeiro e ragú de poldro e cogomelos foron algunhas das delicias que se serviron, acompañados por zumes, cervexas e sidras artesanais elaboradas na Mariña e outros viños galegos.

En nome do Colectivo de Gastronomía da Mariña tomou a palabra Tita Iglesias, quen agradeceu a oportunidade que brinda esta iniciativa para levar máis aló da Mariña o proxecto dun turismo de calidade, coa gastronomía como un dos valores crave, que xere riqueza para o territorio.

O acto concluíu cun sorteo de 4 paquetes turísticos entre os asistentes, cuxos gañadores terán a oportunidade de gozar de diferentes actividades na Mariña, así como de estancias e menús degustación en diferentes establecementos da comarca.

O evento foi promovido pola Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a propia Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

⚙ Configurar cookies
0.071541786193848