A Garda Civil detén aos integrantes dunha banda especializada en roubos en vivendas na Mariña

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
8 Abr 2019

A Garda Civil no marco da operación Zona Cero detivo a tres persoas de nacionalidade Española e Marroquí con idades de 23, 26 e 32 anos de idade, veciños de Foz, Ribadeo e O Valadouro, como presuntos integrantes dun grupo criminal dedicado ao roubo con forza en polo menos 25 vivendas e locais comerciais na Mariña Lucense e occidente de Asturias. No rexistro dos domicilios dos detidos lográronse recuperar numerosos obxectos como televisores, maquinaria, ferramentas, motores e outros efectos de diversa índole relacionados cos feitos delituosos investigados.
As investigacións iniciáronse o pasado ano, cando a Garda Civil detecto un aumento da comisión de roubos con forza en vivendas, principalmente en segundas residencias, situadas en urbanizacións illadas de distintas localidades da Mariña Lucense.
As primeiras investigacións constataron que para a comisión dos roubos actuaban en dous grupos de maneira independente e autónoma e só se coordinaban conxuntamente cando o consideraban necesario polo alcance do feito delituoso.
Pola natureza e características dos roubos perpetrados este grupo criminal estaba altamente cualificado e experimentado realizando estudos previos dos seus potenciais obxectivos coa finalidade de actuar case sempre en inmobles desprovistos de medidas de seguridade activa, como alarmas ou sistemas de gravación, utilizando tácticas paramilitares e contra vixilancias nos traxectos para detectar controis policiais, ocultando o vehículo lonxe das vivendas que pretendían asaltar, ás que se desprazaban a pé e unha vez que tiñan asegurado o obxectivo forzaban portas ou xanelas con ferramentas tipo panca para acceder e subtraer os efectos do seu interior.
Esta banda actuaba con rapidez e de forma coordinada chegando a asaltar cinco vivendas nunha soa noite.
Unha vez cometidos os feitos, o material furtado e as ferramentas empregadas eran ocultados nos domicilios dos asaltantes para dificultar a súa localización en caso de intervención policial.
Os efectos subtraídos eran en parte trasladados en furgonetas por receptadores a terceiros países como Marrocos ou Rumania e outros eran vendidos en establecementos de compra-venda de Lugo, Asturias e León.
Con esta actuación, A Garda Civil dá por desmantelado un dos grupos criminais máis activos dedicados ao roubo en vivendas habitadas, que nos últimos meses viñan azoutando varias localidades na costa lucense.
A operación, coordinada polo Xulgado de Instrución nº 1 de Viveiro, continua aberta non descartando novas detencións en datas próximas.

0.19313192367554