A galería do centro de día A Concordia de Ribadeo será renovada cun novo convenio de 60.000 euros

AMariñaXa
O acordo, asinado entre o Concello e a Xunta, permitirá recuperar un espazo inutilizado polos problemas de temperatura e falta de mantemento
Ribadeo-visita-centro-dia-2025
16 May 2025

O Concello de Ribadeo vén de asinar un novo convenio coa Xunta de Galicia para acometer importantes melloras na galería do centro de día A Concordia. A través desta colaboración, investirase un total de 60.000 euros para renovar por completo esta infraestrutura, deteriorada pola falta de mantemento ao longo dos anos.

O anuncio fíxose durante a visita ás instalacións do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado polo alcalde, Dani Vega, e pola concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, entre outros representantes.

O rexedor explicou que “os vidros da galería estaban danados e non ofrecían o illamento térmico necesario, o que facía que a estancia fose inhabitable especialmente nos meses cálidos. En realidade, máis que unha galería, parecía unha sauna, e por iso había queixas tanto do persoal como dos usuarios e das súas familias”.

Vega detallou que a situación levaba tempo sendo un motivo de preocupación: “Era un espazo mal aproveitado, cando podería servir para actividades ou simplemente para contemplar a ría. Grazas a este convenio, recuperaremos ese lugar para o día a día do centro”.

Este é o terceiro acordo asinado entre o Concello de Ribadeo e a Xunta co obxectivo de mellorar o centro de día A Concordia. Segundo indicou o alcalde, “xa interviñemos noutras zonas do edificio e tamén na fachada exterior, e agora seguimos avanzando para que Ribadeo conte con unhas instalacións sociais á altura das necesidades da súa veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.16328191757202