A Fundación Expomar e a Xunta reforzan a súa colaboración para impulsar o sector marítimo-pesqueiro en 2026

A Fundación Expomar e a Xunta de Galicia renovaron recentemente as súas vías de colaboración institucional nun encontro mantido coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, co obxectivo de seguir promovendo iniciativas orientadas á formación, á divulgación e á posta en valor do sector marítimo-pesqueiro. Desde a Fundación destacan a satisfacción por continuar contando cun apoio que se mantén de maneira estable desde hai máis dunha década.
A programación prevista por Expomar para o ano 2026 inclúe un amplo abano de actividades dirixidas a públicos moi diversos, desde profesionais do sector ata a cidadanía en xeral, pasando por centros educativos, de maiores e inclusión social, así como polos ámbitos da hostalaría, a artesanía e a gastronomía.
Un dos piares desta programación é a continuidade do proxecto Xeración Peixe, iniciado en 2025, centrado na sustentabilidade da actividade pesqueira e no fomento dun consumo responsable. O programa, de carácter interxeracional e intersectorial, culminará no mes de abril coa celebración do Día do Peixe e do Congreso da infancia e da adolescencia. Durante o primeiro trimestre do ano estanse a desenvolver actividades de investigación, divulgación cultural, educación ambiental e promoción gastronómica con centros educativos da Mariña Lucense, centros de maiores e inclusión social e coa Escola de Hostalaría de Foz, que elaborará un pincho de peixe e unha proposta de menú escolar.
No eido profesional, Expomar volverá exercer como foro de referencia coa celebración, os días 14 e 15 de maio, das XXXIII Xornadas Técnicas e do XXVII Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais de Armadores. Estes encontros reunirán novamente a entidades e profesionais de referencia para debater sobre os retos e o futuro do sector pesqueiro.
Ao longo de todo o ano, a Fundación estará presente nas principais citas do calendario marítimo-pesqueiro, como Navalia e Conxemar en Vigo, así como en eventos internacionais como a Feira Expomar de Cabo Verde. Estas accións servirán tamén para comezar a promocionar a próxima edición da Feira Expomar, que se celebrará no porto de Burela en maio de 2027.
No mes de agosto, coincidindo coa Feira do Bonito, Expomar organizará a XXIV edición de Produart, a feira de produtos do mar, artesanais e ecolóxicos, reforzando a economía azul e o valor estratéxico do sector pesqueiro.
A aposta polo turismo mariñeiro continuará en 2026 coa participación na creación da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro, así como coa promoción de rutas, visitas e recursos culturais vinculados ao mar. O ano pecharase en decembro cunha nova edición do Día do Orgullo Mariñeiro, que combinará divulgación escolar, cultura, gastronomía e degustación popular gratuíta.