A Fundación Expomar asinou un convenio coa Deputación para a feira Produart e as xornadas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo renovou a colaboración coa Fundación Expomar para impulsar o  sector náutico pesqueiro da Mariña e a comercialización dos produtos do mar.
44597691_2230108840393545_6838373072433577984_o
2 Ago 2020

A Deputación de Lugo renovou a colaboración coa Fundación Expomar para impulsar o  sector náutico pesqueiro da Mariña e a comercialización dos produtos do mar. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou en Burela un convenio co presidente da fundación mariñana, Alfredo Llano, a través do cal a institución provincial achega 10.000 euros para apoiar actividades promocionais do sector da pesca como as feiras Expomar e Produart  que desenvolve esta entidade. Na sinatura do convenio estiveron acompañados do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e da concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade e Mar de Burela, Carmela López. 

José Tomé sinalou que Expomar “xoga un papel moi importante para o dinamismo da economía mariñana e do conxunto de Lugo, e supón un escaparate turístico de primeira orde para dar a coñecer a riqueza de recursos da provincia”. 

O presidente subliñou que Expomar e Produart “son dúas citas moi importantes na Mariña que xeran novas oportunidades de negocio para o crecemento do sector pesqueiro e do turismo náutico, actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo. A Deputación aposta pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel colaborando unha vez máis coa Fundación Expomar”. 

Expomar e Produart son dúas feiras dirixidas a profesionais do mundo da pesca que teñen como obxectivo dar a coñecer as últimas tecnoloxías e innovacións do mercado e produtos do mar.  Ambos encontros compleméntanse con xornadas técnicas e encontros empresariais onde se analizan os problemas da pesca e se aportan solucións xunto ás administracións para os profesionais e persoas vinculadas co mundo do mar.

0.15332198143005