A Fundación Eu Son amplía os seus espazos cunha nova adquisición de terreos

A Fundación Eu Son, entidade de referencia na Mariña na atención a persoas adultas con discapacidade intelectual, vén de realizar un importante investimento coa compra de dous terreos destinados a mellorar a calidade da atención e os espazos dispoñibles para as persoas usuarias dos seus centros.
A Fundación xestiona dous centros de atención diúrna que prestan servizo a persoas procedentes de 11 concellos da Mariña, proporcionando apoio especializado que favorece a súa autonomía persoal e o desenvolvemento das súa capacidades. Conta cun Centro de Día con 9 persoas usuarias, que ofrece atención terapéutica, e cun Centro Ocupacional no que participan 40 persoas en obradoiros de cerámica, serigrafía e horticultura.
Noelia Eijo, directora do centro, destacou que "o obradoiro de horticultura constituíu, desde os seus inicios, unha ferramenta fundamental para a mellora do benestar emocional e mental das persoas usuarias, especialmente para aquelas con alteracións de conduta". Ademais, sinalou que "durante a pandemia, a necesidade de contar con espazos ao aire libre levou á creación dun obradoiro continuado, ofrecendo unha actividade estable que mellorou a calidade de vida das persoas usuarias".
Ata o de agora, o proxecto contou cun terreo cedido desinteresadamente por unha propietaria que comprendeu a importancia desta iniciativa e a apoiou sen dubidalo. Para garantir a continuidade e mellora do proxecto, a Fundación investiu na adquisición de dous terreos anexos.
O primeiro, de 363m2 cun valor de 25.000€, destinarase á colocación dun novo invernadoiro e dun espazo de traballo ao aire libre. Ademais, grazas ao proxecto subvencionado polo IRPF 2024, dotarase de bancos de cultivo e casetas de madeira con mesas e cadeiras, permitindo a realización de actividades independentemente das condicións meteorolóxicas. O segundo, de 375m2 e o mesmo valor, permitirá ampliar as instalacións do obradoiro e engadir un espazo ao aire libre para actividades lúdicas e terapéuticas.
"Esta adquisición supón un salto cualitativo na atención que ofrecemos, asegurando un espazo axeitado para potenciar as capacidades das persoas usuarias", salientou Carmela López, presidenta da Fundación Eu Son e alcaldesa de Burela. Engadiu ademais que "este investimento reflicte o compromiso coa mellora constante dos servizos e coa dignidade das persoas usuarias".
López concluíu afirmando que "esta ampliación é froito do esforzo conxunto da Fundación, das persoas que nos apoian e das administracións e entidades colaboradoras. Seguiremos traballando para garantir un futuro mellor para todas as persoas usuarias". Con esta iniciativa, a Fundación reforza o seu papel como referente na atención ás persoas con discapacidade intelectual na Mariña.