A frautista burelense Silvia Rozas, protagonista das II Xornadas de Frauta de Galicia en Santiago

AMariñaXa
A solista da Orquestra da Ópera de Hannover actuará o 8 de xullo no concerto central do encontro, que reúne máis de cen intérpretes de proxección internacional
Silvia-Rozas-Ramallal-Burela-foto-filarmonia
6 Jul 2025

A música de Silvia Rozas volverá soar con forza en Galicia. A recoñecida frautista natural de Burela será unha das figuras destacadas das II Xornadas de Frauta de Galicia, un evento que transformará Santiago de Compostela na capital internacional da frauta entre os días 6 e 13 de xullo.

Rozas ofrecerá un concerto o martes 8 de xullo, ás 20.30 horas, no Hotel AC Palacio del Carmen, nunha velada que leva por título De Promesas a Referentes: traxectorias que inspiran. Interpretará a Sonata de César Franck, acompañada ao piano por Esteban Domínguez, e compartirá escenario coas novas promesas gañadoras do certame de talentos organizado no marco das xornadas.

A presenza da instrumentista mariñá —solista da Orquestra da Ópera de Hannover dende 2023 e membro estable da NDR Radiophilharmonie— foi cualificada pola organización como un dos grandes reclamos da programación, que aspira a consolidarse como referente europeo para a frauta traveseira.

Durante unha semana, máis de cen músicos, de diferentes nacionalidades e de idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos, participarán en cursos especializados, clases maxistrais, talleres, encontros divulgativos e recitais en diversos espazos da cidade compostelá.

Ademais do seu papel como intérprete, Rozas tamén asumirá labores docentes, sendo unha das encargadas de dirixir unha das masterclasses máis esperadas do encontro. A organización subliña a “calidade artística e pedagóxica” desta segunda edición, que medra en participantes, prestixio e repercusión.

Compostela converterase así durante sete días nun espazo de encontro, aprendizaxe e inspiración, cun programa que mestura talento novo e nomes consolidados como o de Silvia Rozas, exemplo dunha carreira que serve de espello para as novas xeracións de frautistas.

⚙ Configurar cookies
0.094467163085938