Xuventude Chilindrina: A forza da mocidade que mantén vivo o espírito da festa de Celeiro

Por Ana Somoza.
En Celeiro, unha vila profundamente mariñeira de Viveiro, a celebración das festas patronais de xullo é un momento moi esperado por toda a veciñanza. Este ano, esa ilusión ten un nome novo: a Asociación Xuventude Chilindrina, un grupo de mozos e mozas que decidiron coller as rendas dunha tradición centenaria coa enerxía e o entusiasmo de quen sente as raíces fondas no territorio. “Decidimos dar o paso cando vimos que faltaban catro meses para as festas e aínda non había comisión”, explican dende o colectivo. Foi así como naceu, no mes de abril de 2024, a idea que hoxe xa é unha realidade consolidada.
O impulso inicial partiu do baleiro organizativo, pero pronto se transformou nun compromiso fondamente emocional. “Contactamos coa antiga comisión e explicáronnos como funcionaba todo. A partir de aí, puxémonos mans á obra”, relatan, recordando os primeiros días como un cúmulo de aprendizaxes e esperanzas. A falta de experiencia non foi impedimento. Ao contrario: “Traballamos con ilusión e esforzo. Sabíamos que, se nos organizabamos ben, podiamos conseguilo”.
FINANCIAMENTO. Un dos piares fundamentais da asociación é o traballo constante ao longo do ano para recadar fondos. “Facemos unha churrascada popular, a festa de fin de ano na Casa do Forno, vendemos rifas e lotaría... todo o que sirva para conseguir cartos e facer unhas festas como merece un pobo coma Celeiro”, explican. Non se trata só de organizar uns días de celebración, senón de tecer comunidade a través da cultura popular.
A responsabilidade asumida por este grupo de mozos e mozas, de entre 22 e 30 anos, é algo que non pasa desapercibido entre os seus veciños. “Para nós é incrible que todo un pobo confíe en seis persoas tan novas. Sentímonos moi agradecidos cando nos paran pola rúa para darnos os parabéns”, recoñecen emocionados. Celeiro é un lugar con moita historia festiva, e como din, “as festas sempre foron unha sinal de identidade, igual que o San Roque, o San Xoán de Covas ou a Romaría de Naseiro”. A organización das festas patronais é un traballo que comeza case sen descanso. “Empezamos a preparar a seguinte edición nada máis rematar a anterior. De feito, xa temos pechadas as orquestras para 2026”, confesan, amosando unha planificación meticulosa. A partir de abril ou maio, a carga administrativa intensifícase: “Hai que tramitar permisos, xestionar papeis, falar con patrocinadores... É a parte máis pesada, pero tamén necesaria”.
COLABORACIÓNS. O apoio da veciñanza e das entidades locais é esencial para sacar o proxecto adiante. “Contamos co respaldo do Porto de Celeiro, da Confraría de Pescadores e de toda a flota pesqueira. Os comercios pórtanse xenial con nós, e desde o ano pasado tamén colabora a organización do Resurrection Fest”, destacan. Porén, a relación co Concello non é tan fluída como desexarían: “Pedimos axuda co custo da luz, porque é un gasto moi elevado que antes asumía o Concello e que agora nos toca pagar a nós. Polo de agora, só apareceron fondos para outras festas”.
TRADICIÓN. Un dos momentos máis emotivos das festas é, sen dúbida, a baixada da Virxe do Carme ao porto e a posterior procesión marítima. “Somos un pobo mariñeiro. A xente que temos familia no mar pedímoslle moito á Virxe que os coide. Para nós, ese momento é sagrado”, explican con voz fonda. O ano pasado, por mor da chuvia, tiveron que aprazar a baixada, pero iso non lle restou emoción ao acto. Este ano, a emoción redóbrase: celébrase o 75 aniversario da procesión marítima, unha data moi especial que quixeron homenaxear recuperando un símbolo do pasado. “Queremos restaurar un pequeno barco verde que acompañaba á Virxe nos primeiros anos e que, tras a restauración da imaxe, nunca volveu. Para nós representa parte da historia do pobo, e queremos devolvelo ao seu lugar”, explican con orgullo.
A recuperación doutras tradicións tamén está presente neste 2025. “Este ano volvemos celebrar a festa da cervexa e da empanada, que o ano pasado non puidemos facer. Agora que temos máis experiencia e tempo, quixemos recuperar ese evento para darlle máis vida á programación”, contan. Estas iniciativas buscan crear espazos de encontro interxeracional e reforzar os vínculos entre os habitantes. A participación veciñal, segundo destacan, é maioritariamente positiva. “Sempre hai quen non aporta nada e logo protesta por todo, pero iso pasa en todos os lados”, din entre risas. O que máis os anima é ver a outras xeracións mozas implicándose: “Vénnos a nós organizando estas festas e nótaselles con ganas de formar parte. Iso dános esperanza para o futuro”. O camiño, por suposto, non está exento de dificultades. “O papeleo cada vez é máis complicado, e o tema económico é durísimo. Reunir todo o que custa isto non é nada doado”, recoñecen. Aínda así, non perden o entusiasmo. “Sabemos que cada minuto que lle botamos a isto merece a pena”.
FUTURO. Cando se lles pregunta que mensaxe lle enviarían á mocidade que queira implicarse na vida cultural do seu pobo, a resposta é contundente: “Que sigan adiante, que non deixen que ninguén lles diga que non poden. Se algún día vos toca facer as festas, votádelle cara. O non xa o tedes, así que non perdedes nada por intentar”. A Xuventude Chilindrina representa unha nova maneira de entender o asociacionismo e o compromiso co territorio. Non só organizan festas: manteñen vivo un legado colectivo, actualizándoo con respecto, creatividade e paixón. “O noso soño é que as festas de Celeiro sigan no lugar máis alto, e estamos traballando cada día para iso”, conclúen, deixando claro que o futuro das tradicións está en boas mans.