A formación dixital chega á veciñanza: Barreiros ofrece un curso en liña para obter o certificado ComDix-Iniciación

O Concello de Barreiros, a través da súa aula CeMIT, súmase á nova convocatoria do curso de teleformación titorizada que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais ComDix-Iniciación, unha acreditación oficial impulsada pola Amtega. A iniciativa busca achegar o coñecemento tecnolóxico á cidadanía e facilitar o acceso a ferramentas dixitais básicas.
O curso, totalmente gratuíto, está pensado para persoas que queiran iniciarse no uso das tecnoloxías da información e da comunicación. A formación comezará o 26 de maio e estará dispoñible ata o 28 de decembro, cunha duración total de 250 horas divididas en seis bloques temáticos.
A grande vantaxe deste formato é que non require exame presencial: o seguimento e a avaliación faranse de maneira continua e individualizada, adaptándose ao ritmo de cada persoa participante. Unha vez superadas as actividades propostas en cada módulo, expedirase directamente o certificado oficial ComDix-Iniciación, sen necesidade de realizar proba adicional.
O prazo de inscrición está xa aberto e remata o luns 5 de maio. As persoas interesadas poden achegarse á aula CeMIT de Barreiros os martes e xoves de 9:30 a 14:30 horas, onde recibirán máis información e apoio para formalizar a súa matrícula.
O curso conta cun límite de 300 prazas en toda Galicia, polo que se recomenda anotarse canto antes. Desde o Concello animan á veciñanza a aproveitar esta oportunidade para mellorar as súas competencias dixitais, especialmente valiosas tanto para o ámbito persoal como profesional.