A Folixa, dez anos facendo do Entroido unha festa colectiva entre Galicia e Asturias

AMariñaXa
Virginia, presidenta actual, explica como se sostén unha charanga duns 80 integrantes: música, coreografías, traxes e unha organización que ocupa fins de semana enteiros
Charanga-A-Folixa-Vegadeo-6
Fotografías cedidas por A Folixa
7 Feb 2026

Desde Vegadeo, a Charanga A Folixa celebra dez anos de traxectoria converténdose nunha das formacións máis recoñecibles do Entroido no norte peninsular. O grupo, encabezado por Virginia e formado por arredor de oitenta persoas, leva unha década enchendo rúas e prazas de música, cor e coreografías, reivindicando que unha charanga pode ser “moito máis ca un acompañamento” e que o Entroido é, sobre todo, un proxecto colectivo. O seu camiño avalano premios e recoñecementos en vilas como Ribadeo, Tapia de Casariego, Foz ou Vegadeo, pero tamén algo máis difícil de medir: a fidelidade dun público que xa identifica o son, os traxes e a maneira de facer festa de A Folixa.

O aniversario chega como un punto de inflexión que permite mirar atrás con orgullo e cara adiante con ambición contida. Desde dentro, o balance é claro: “son dez entroidos, dez proxectos diferentes e moitísima xente implicada”, resumen, sinalando que acadar esta cifra supón “unha alegría enorme” e tamén unha responsabilidade. A intención, din, é seguir “na mesma liña de sempre”, apostando por “traxes espectaculares, festa e espectáculo”, coa esperanza de que “veñan outros dez anos máis”.

ORIXES.

A historia de A Folixa comeza en 2015, cando un grupo de amigos de Vegadeo, xunto con algunhas persoas que xa participaban activamente no Entroido, decidiu dar un paso máis. Segundo lembran, naquel momento a presenza de charangas organizadas era escasa na zona occidental de Asturias. “Por Tapia, Navia, Vegadeo ou Castropol había moi poucas, ou directamente ningunha”, explican, o que lles fixo ver un espazo no que podían aportar algo novo.

O nome xurdiu de maneira natural, ligado ao territorio e ao espírito do grupo. “Aquí, en Asturias, ‘folixa’ significa festa”, explican, e desde o principio tiveron claro que esa palabra resumía perfectamente o que querían transmitir. Non se trataba só de tocar música, senón de construír unha experiencia festiva completa, na que o público se sentise parte do que estaba a acontecer.

CRECEMENTO.

Co paso dos anos, A Folixa foi medrando tanto en número como en ambición. Na actualidade, o grupo está formado por arredor de oitenta persoas, unha cifra que se mantén bastante estable nos últimos tempos. Ese crecemento obrigou a profesionalizar moitos aspectos da organización, sen perder o carácter popular e asociativo que define a charanga.

Desde dentro recoñecen que xestionar un grupo tan numeroso “require moita paciencia”. Hai integrantes “de moitas idades e de moitos sitios distintos”, o que implica coordinar horarios, ensaios e tarefas moi diversas. “As fins de semana moitas veces son enteiras de Folixa”, explican, con talleres de traxes, ensaios de baile e sesións de manualidades que se suceden durante meses.

SON.

Un dos sinais de identidade máis claros de A Folixa é o seu son. A formación parte da batucada, pero afastándose dunha interpretación máis uniforme. “Non é batucada todo o tempo, como noutras charangas”, explican. No seu repertorio conviven ritmos diversos, como merengues, temas tradicionais e cancións máis actuais, creando unha proposta dinámica que cambia ao longo da actuación.

Esa variedade musical acompáñase dunha posta en escena moi coidada. A Folixa non desfila simplemente camiñando: vai en coreografía, con bailes ensaiados e sincronizados. Segundo explican, esa combinación de música, movemento e vestiario é unha das claves para que o público os recoñeza ao momento. “Todo xunto fai un conxunto moi bonito e moi identificable”, aseguran.

TRAXES.

O proceso creativo dos traxes é outro dos piares fundamentais do proxecto. Cada ano, a temática decídese de maneira colectiva. “Preséntanse varias propostas en reunión e vótase”, explican, sendo os propios socios quen achegan as ideas. Unha vez elixido o tema, todo o traballo se organiza arredor del: o deseño do traxe, as coreografías e mesmo unha canción específica que funciona como “exhibición” da temática do ano.

A preparación é longa e esixente. Practicamente, A Folixa traballa durante todo o ano. “Remata o Entroido en marzo, descánsase un mes ou mes e algo, e enseguida comezamos co traxe do seguinte ano”, relatan. Aínda que os ensaios musicais e de baile adoitan comezar a finais do verán, o traballo previo é constante, porque “somos moitos e hai moitísimo detrás”.

ECONOMÍA.

O apartado económico é, sen dúbida, un dos grandes retos. O custo medio dun traxe sitúase entre os 300 e os 400 euros por persoa, unha cifra elevada que obriga a buscar fórmulas de financiamento diversas. “Cada socio paga unha cota anual”, explican, pero iso non chega. Por iso organizan actividades para recadar fondos, como montar bares en feiras, vender lotaría ou rifas, ademais de contar cos premios obtidos nos desfiles.

O gasto non responde só ao deseño ou ao traballo artesanal, senón tamén á dimensión do grupo. “Ao sermos tantos, fan falta moitísimos materiais”, sinalan. Aínda que se tenta reciclar elementos doutros anos, “cando todo se multiplica pola cantidade de xente que somos, sae caro igual”.

CAMIÑOS.

Nestes dez anos, A Folixa percorreu boa parte de Asturias e Galicia. Actuaron en cidades como Oviedo ou Xixón, e en vilas como Posada de Llanes, Colunga, Navia ou Castropol. En Galicia, estiveron presentes en eventos de Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Barreiros ou Foz, consolidando unha presenza habitual tanto na Mariña lucense como no occidente asturiano.

Entre todas as actuacións, hai algunhas especialmente marcadas na memoria do grupo. A máis multitudinaria, coinciden, foi en Foz, mentres que a máis especial segue sendo Vegadeo. “É a nosa casa”, explican, o lugar onde se estrearon e onde “o público está agardando por Folixa”, cunha emoción que non se repite en ningún outro sitio.

RECOÑECEMENTO.

O palmarés acompaña esta traxectoria. A Folixa acadou o primeiro premio en Ribadeo en 2018, venceu no desfile ribadense de 2019 na categoría de comparsas e charangas, gañou o Entroido de Tapia de Casariego en 2025 e estivo entre as comparsas premiadas do Entroido de Foz en 2020. Con todo, desde dentro relativizan os galardóns e poñen o acento noutro tipo de recoñecemento.

O máis importante, din, é a resposta do público. “En seguida notas que a xente se achega, que queda a vernos”, explican. En moitos lugares xa se crea esa sensación de “xa chegaron”, como un aviso colectivo de que a festa vai comezar. “O que recibimos case sempre é cariño e ganas de pasalo ben”, destacan.

ANÉCDOTAS.

Como en todo proxecto vivo, as anécdotas repítense ano tras ano. A máis habitual é ir sempre xustos de tempo. “Dá igual cando empeces, sempre vas pillado”, bromean. E, como manda a tradición interna, o último día antes de saír en Vegadeo sempre hai retallos de última hora. “Sempre aparece a idea de engadir un pouco máis de brillo”, contan, e todo o mundo acaba pegando pedras e detalles ata o último minuto.

FUTURO.

A incorporación de nova xente é unha cuestión que se aborda con cautela. Hai anos nos que se abre a porta a novas entradas e outros nos que non é posible. “Depende de se marcha moita xente”, explican, porque coordinar un grupo tan grande xa é complexo, e aprender as coreografías desde cero “leva moito traballo”.

En canto ao futuro, A Folixa non fala de grandes cambios nin de xiros radicais. O desexo é claro e compartido: “seguir pola mesma liña”, mantendo a aposta por traxes espectaculares, música diversa e bailes coidados. Levar festa, din, pero facelo con identidade propia. Porque se algo teñen claro despois de dez anos é que A Folixa xa non é só unha charanga: é unha maneira de vivir o Entroido.

⚙ Configurar cookies
0.078974008560181