A foliada do 40 aniversario da AC Osorio Gutiérrez encherá de música e tradición Ponte de Cuñas

AMariñaXa
A celebración terá lugar este sábado, 24 de xaneiro, con entrada libre, diferentes sesións por idades e unha completa oferta gastronómica
pandeireta
16 Jan 2026

A Asociación Cultural Osorio Gutiérrez celebrará este sábado, 24 de xaneiro, o seu 40 aniversario cunha gran foliada aberta ao público que converterá Ponte de Cuñas, no concello de Lourenzá, nun punto de encontro para a música tradicional e a convivencia veciñal. A cita, con entrada gratuíta, pretende ser unha homenaxe ás catro décadas de traballo da entidade na defensa e difusión da cultura popular galega.

O programa da xornada inclúe distintas sesións adaptadas a todos os públicos. A actividade comezará ás 19.00 horas cunha foliada infantil, continuará ás 21.00 horas cunha sesión destinada ao público adulto e culminará ás 23.00 horas cunha foliada aberta, pensada para que participe toda a xente asistente sen distinción de idade.

Ademais da música e do baile tradicional, a organización tamén apostará polo ambiente festivo cun servizo de racións no que non faltarán pratos populares como tortilla, empanada e bolos preñados, completando así unha proposta pensada para gozar dunha tarde e noite de celebración colectiva.

O evento conta coa colaboración do Concello de Lourenzá e do Concello de Lourenzá, o que se suman a esta conmemoración dun colectivo cunha longa traxectoria no impulso das tradicións culturais da comarca. Dende a asociación animan á veciñanza e ás persoas amantes da música tradicional a participar nesta foliada especial, concibida como un espazo de encontro, memoria e continuidade cultural.

clases asociacion osorio guitierrez
⚙ Configurar cookies
0.082111835479736