A flota de palangre de Burela renova o selo ‘Pescaenverde’ da USC

A flota de palangre demersal da Organización de Productores Pesqueiros do Porto de Burela recibiu esta mañá a renovación da certificación da ecoetiqueta ‘Pescaenverde’ da Universidade de Santiago de Compostela, que a distingue desde 2022 como a primeira e única flota de altura avalada por baixo impacto ambiental, tanto por unha reducida pegada de carbono como por unha elevada taxa de retorno enerxético.
O acto contou coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa. Sergio López, xerente da OPP-7 Burela, deu a benvida aos asistentes e destacou o esforzo e as boas prácticas da flota palangreira, que apostou desde o inicio por esta arte selectiva como pesca de futuro, a pesar de enfrontarse ás vedas decretadas pola Comisión Europea en 2022.
Naquel momento, o peche de ecosistemas mariños vulnerables supuxo un golpe importante para o sector, que, xunto coa Xunta de Galicia e o Goberno de España, denunciou o que considera “un erro histórico”. As previsións cumpríronse, con perdas do 32 % no volume de capturas da merluza do pincho de Burela, afectando ao ánimo do sector e á viabilidade a curto prazo desta actividade.
Segundo Sergio López, “este selo de ‘Pescaenverde’ demostra que queremos facelo ben, cumprindo e garantindo unha actividade con baixa pegada de carbono e alta taxa de retorno enerxético, o que aporta un gran valor engadido no mercado”.
Gumersindo Feijoo destacou o valor do peixe como “unha mina de gran valor” e cualificou á merluza como un “megaalimento”, rico en proteínas, graxas saudables, vitaminas e minerais, especialmente recomendado para nenos e nenas. Sen embargo, subliñou que esta mensaxe de consumo responsable choca coas novas imposicións medioambientais derivadas do cambio climático, actual prioridade social a nivel europeo, e insistiu na importancia de certificar que a pesca tamén contribúe á protección do medio.
O vicerreitor resaltou que a flota de Burela segue a ser a única de altura certificada por ‘Pescaenverde’, demostrando a implicación de toda a cadea de valor “do mar á praza”, como ocorre co selo ‘Merluza de Burela’.
Pola súa banda, a conselleira Marta Villaverde destacou que esta renovación é froito do traballo conxunto do sector pesqueiro, a ciencia e a administración galega, e afirmou que “somos tradición e tamén modernidade”. Villaverde agradeceu o labor da OPP-7 Burela e ABSA, e subliñou que, a pesar das dificultades derivadas das vedas, estas iniciativas manteñen a pesca galega nunha senda de excelencia e sustentabilidade.
Finalmente, entregáronse os certificados que renovan por tres anos máis a ecoetiqueta, ata 2029, para 24 barcos palangreiros de Burela: 16 socios da OPP e 8 socios de Armadores de Burela.