A Festa do Polbo de Xove presenta o cartel oficial para a edición de 2025

A XXI edición da popular Festa do Polbo de Xove xa ten cartel oficial para este 2025. A presentación, que tivo lugar esta mañá, correu a cargo da Asociación de Hostaleiros de Xove, e contou coa presenza do alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Dolores Meitín.
O evento celebrarase este xoves, 17 de abril, coincidindo co Xoves Santo. A partir das 19:00 horas, os asistentes poderán degustar racións de polbo a un prezo de 15 euros nos establecementos hostaleiros participantes, que ademais ofrecerán un ambiente festivo e animado.
A música tamén será protagonista nesta edición, coa participación da comparsa Habelas Hainas, de Barreiros, que percorrerá os locais amenizando a xornada cunha sesión de percusión en directo.
A festa está organizada pola asociación de hostaleiros de Xove, coa colaboración e patrocinio do Concello, e reunirá a locais emblemáticos como O Refugio, Bar Pepe, Cafetería A Roda, A Fuga, La Cívica, Os Faroles, O Cabaliño, Antoxo e Pulpería-Bar Cociña.