A Festa do Percebe de Rinlo contou co servizo de transporte público Percebús
A Festa do Percebe, que se celebrou este sábado en Rinlo, contou con servizo de transporte público e gratuíto. O Percebús saiu da estación de autobuses de Ribadeo desde as 11 da mañá.
O rexedor declarou: “xa chegou a Festa do Percebe, algo que estábamos esperando todos os ribadenses e todos os visitantes. Acuiar a Rinlo sempre é unha marabilla, esa vila mariñeira por excelencia e tamén turística que dende o Concello de Ribadeo queremos mellorar e seguir impulsando para atraer a máis visitantes ao noso Rinlo, ao noso de Ribadeo. Dende logo, entre todos seguro que imos poder”.
Dani Vega tivo palabras de agradecemento: “en primeiro lugar, dar as grazas á Confraría de Pescadores e Mariscadoras, tamén aos percebeiros e percebeiras que hai no noso concello, que dende logo están facendo un traballo moi importante, non soamente defender un medio de vida e un sector, senón tamén impulsando unha festa gastronómica como é a Festa do Percebe. Non nos debemos esquecer de que hai que degustar os produtos que da o noso mar”.
O alcalde dixo que “nós dende o Concello o que queremos é colaborar e por iso tamén queremos agradecer á asociación O Cantal, por todas as súas ideas e propostas e dende logo, á Xunta de Galicia por reforzar economicamente esta festa. Polo tanto, entre todas as administración e o sector, somos capaces de facer unha festa moi importante”.
A edil ribadense explicou que “neste caso o Concello en colaboración coa asociación de veciños O Cantal inclúe na programación unha serie de iniciativas didácticas como unha obra de teatro a cargo dos Quinquilláns titulada Por que é salgada a auga do mar?, un espectáculo ao aire libre para todos os públicos no que dous científicos exploran teorías sobre salinidades nas augas do mar, recuperando así lendas do mundo mariño”.