A Festa do Berberecho en Foz triunfa con gastronomía, cultura e tradición mariñeira

A Festa do Berberecho de Foz volveu demostrar a súa forza como referente gastronómico e cultural da Mariña. Organizada polo Concello en colaboración co IES de Foz, a cita rexistrou unha excelente acollida e encheu de actividade a vila durante toda a fin de semana.
O programa arrancou o venres no Cenima cunha conferencia do investigador Xesús do Breogán, quen afondou no misterio da Virxe do Carme de Foz e no pesqueiro Jesús Nazareno a través da charla O enigma encriptado da Virxe do Carme de Foz e o pesqueiro Jesús Nazareno. A continuación, inaugurouse unha exposición da artista ucraína Sofía Andrushebko, e como colofón da xornada representouse a obra teatral As alumnas, unha función que tamén serviu para conmemorar o Día do Libro.
O sábado celebrouse o día grande da festa, centrado na exaltación do berberecho e do mexillón. O alumnado dos ciclos de Hostalería do IES de Foz foi o encargado de elaborar diversas propostas culinarias, como un innovador ceviche de berberechos. Tamén se puideron degustar empanadas de mexillóns e de berberechos, racións de berberechos ao vapor e mexillóns en salsa mariñeira ou con vinagreta, para satisfacción dos numerosos asistentes.
A festa arrincou co pregón do conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez, quen puxo en valor “a necesidade de promover o consumo de peixe e marisco, produtos como o berberecho, rico en antioxidantes, vitaminas do grupo B, minerais e ácidos graxos omega-3, fundamentais para a saúde cardiovascular e cerebral, e cun baixo contido calórico”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, cualificou a xornada como “un día perfecto para gozar dos nosos chícaros e mexillóns, acompañados por un tempo magnífico. Unha oportunidade para coñecer a nosa vila, as nosas tradicións e, sobre todo, para poñer en valor un produto tan noso como o berberecho”.