A Festa das Cruces de Ribadeo, declarada de Interese Turístico de Galicia
O pleno do Consello de Turismo de Galicia aprobou hoxe por unanimidade o informe técnico para a declaración da Festa das Cruces de interese turístico. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que hai que seguir traballando “para non desmerécela mellorando o entorno e algunhas infraestruturas”.
O rexedor explicou que “nesta mañá tivo lugar o pleno do Consello de Turismo de Galicia, ao que eu como alcalde e en representación da Fegamp tamén formo parte del, e nesta sesión por unanimidade foi aprobado o informe técnico para declarar a Festa das Cruces de interese turístico”.
Suárez Barcia dixo: “hai que ter en conta que, a pesares de que non é unha celebración masiva en canto a número de afluencia de visitantes, ten que ver cunha realidade de feitos históricos que despois a igrexa continuou durante 209 anos, desde 1.809 ata a actualidade se seguiu mantendo esta romaría e foi merecedora, unanimemente, para todos os representantes do Consello de Turismo de Galicia que poida formar parte deste reducido elenco de festas destacadas con esta denominación”.
O alcalde ribadense declarou que “a partires de agora hai que seguir traballando para non desmerecer esta festa, seguramente mellorando tamén ese entorno tan bonito como é a Ponte de Arante e algunhas infraestruturas que se atopan agora nun estado de conservación que non é axeitado co entorno, teremos que promover entre os seus propietarios que os vaian arranxando para que esta festa de interese turístico ano tras ano teña un lugar axeitado onde celebrarse”.