A Festa da Troita da Pontenova revalida o seu poder de convocatoria: “Foi un éxito total e absoluto”

AMariñaXa
A Pontenova converteuse de novo no epicentro da pesca fluvial coa 44ª edición da Festa da Troita, declarada de Interese Turístico Galego e de Interese Turístico Deportivo Nacional.
festa_da_troita_a_pontenova5
2 May 2024

A Pontenova converteuse de novo no epicentro da pesca fluvial coa 44ª edición da Festa da Troita, declarada de Interese Turístico Galego e de Interese Turístico Deportivo Nacional. Unha convocatoria coa que cada anos os afeccionados desta práctica poñen os seus ollos na vila mariñá e que deixou moi bo sabor de boca. “Foi un éxito absoluto e total, houbo moita xente. Eu creo que non podemos facer outra Festa da Troita tan mediática coma esta”, conta o presidente do Centro de Iniciativas Turísticas, Francisco Rois.

Odile Rodríguez de la Fuente, filla do divulgador ambientalista Félix Rodríguez de la Fuente e presidenta da fundación que leva o seu nome, foi a encargada de ler o pregón deste ano. “Xa nos confirmou que viría para o ano que vén, que lle encantara a festa e a xente e que volvería coa súa familia”. O programa aglutinou actividades para menores e familias, como unha demostración do escultor Eugenio Linares; a inauguración da Troita máis grande do mundo, unha escultura feita polo alumnos do IES Enrique Muruais para homenaxear á popular festividade; a entrega das Troitas de Ouro; degustacións e o III Campionato de Billarda Festa da Troita.

O momento máis “emotivo” chegou coa inauguración das Pedras de Honra no paseo do Pescador. Un dos pratos fortes foron as competicións nas que, co Eo como referente, déronse cita algúns dos mellores pescadores de río de Galicia e Asturias. O XVI Concurso Internacional de Pesca con Mosca e o XLIV Concurso Popular de pesca de troita conseguiron reunir case un centenar de participantes

En resumo, unha Festa da Troita que se consolida ano tras ano e que demostra o gran poder de convocatoria que ten esta celebración na Mariña. “Foi realmente incrible, o traballo tamén foi moito pero tamén é moi grande a satisfacción de ver o pobo cheo de xente e os aloxamentos e os locais de hostalaría completos”, afirma Francisco Rois.

0.059713125228882