A Festa da Troita da Pontenova 2025 contará cunha exhibición de Pesca a Mosca

AMariñaXa
Ademais, o evento incluirá competicións, música, gastronomía e actividades que resaltan a tradición troiteira da vila
Festa-troita-pontenova-2023-3
27 Jan 2025

A Festa da Troita da Pontenova 2025 será un evento destacado que combina tradición, gastronomía e actividades ao aire libre. Celebrarase no corazón da Pontenova, reunindo amantes da pesca, veciños e visitantes.

Esta edición promete ser unha celebración excepcional, con actividades para todos os públicos e un programa renovado. Unha das principais novidades é a demostración ou exhibición de Pesca a Mosca, que contará con figuras internacionais da pesca: Pascal Cognard, Pablo Castro Pinos, Said Yahiaoui, Fran Llamas e Raquel Cabeza. A exhibición terá lugar o xoves 1 de maio ás 12.00 horas no tramo libre sen morte da Pontenova.

Ademais do tradicional concurso de pesca, o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de A Pontenova recoñece a aquelas persoas, organismos, clubs e colectivos que destacan polo seu labor en favor da pesca e os seus valores.

Así, para este ano 2025 xa teñen adxudicadas as catro Troitas de Ouro. A primeira será para Said Yahiaoui Mohamed, profesor de economía pola Universidade de Lyon e actualmente xubilado, conta cunha ampla traxectoria no mundo da pesca deportiva. Competiu na alta competición en Francia entre 1991 e 1993 e foi capitán da selección francesa de pesca con mosca entre 1996 e 2013, acumulando un destacado palmarés internacional.

A segunda Troita de Ouro será para á Sociedade Deportiva Río Ulla. Destacan que o Concurso do Salmón do Ulla, xunto co Concurso do Salmón do Eo, son os únicos campionatos de pesca de salmón que hai en España. Consideran así que a Sociedade Deportiva Río Ulla, presidida por Manuel Sanmartín, estableceu grandes vínculos coa Pontenova na defensa da pesca.

A terceira Troita de Ouro é para o programa Río de la Vida, un dos máis novos de radio pero que xa colleu forza no colectivo de pescadores a nivel nacional. Dende fai anos os seus responsables, Oscar Arratia y Sebastián Cuestas, acoden á festa para divulgar en directo os acontecementos do evento.

E a última será para o Concello de Ponte Caldelas pois organizan tamén unha Festa da Troita, un dos concursos máis antigos de toda España.
A Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo organiza o concurso e realiza un gran traballo na defensa da pesca e os valores naturais dos ríos.

O CIT de A Pontenova tamén quere poñer en valor a contribución de outras persoas ou programas ao mundo da pesca e a promoción dos seus valores a nivel internacional. Por iso contan coas Pedras de Honra do Paseo do Pescador, uns pequenos monolitos en recoñecemento e agradecemento.

A primeira Pedra de Honra 2025 será para o 'Canal Caza y Pesca' de Movistar+. Este medio destaca polo seu apoio á Festa da Troita e polos programas de Nacho Rojo e Susana García, que sempre poñen en valor o evento e os seus concursos de pesca. O acto de inauguración estará protagonizado polo director do canal, Ignacio Contreras, xunto con Rojo e García.

O pescador Pablo Castro, coñecido como 'O Bombeiro', será o segundo homenaxeado. Castro, un dos competidores máis recoñecidos da pesca a nivel mundial, deixou unha fonda pegada na Pontenova cando gañou o Concurso de Pesca a Mosca e recibiu a Troita de Ouro xunto coa Selección Nacional de Salmónidos-Mosca.

A terceira Pedra de Honra será para Leo de la Fuente, xornalista veterano e responsable do programa 'A Tenazón' de Radio Marca, ademais de colaborar en 'El Mundo de Valladolid'. La Fuente foi recoñecido no pasado coa Troita de Ouro pola súa contribución á difusión da festa.

A cuarta Pedra será para Alberto Torres, xornalista, escritor e unha figura clave na historia recente da Pontenova. Foi pregoeiro da festa en 2013, director do xornal 'Trueiro' e activista pola defensa do río Eo. Os seus libros e colaboracións son testemuño do seu compromiso co mundo da pesca e coa sostibilidade.

O quinto homenaxeado será Antonio Pérez Henares, 'Chani', escritor, cazador e defensor do medio rural. Chani, que foi pregoeiro da Festa da Troita en 2017, elixiu a Pontenova como un lugar de repouso e inspiración, destacando pola súa defensa do patrimonio natural.

0.15719199180603