A Festa da Troita 2026 distingue o compromiso co río Eo e coa celebración

AMariñaXa
Luis Frade recibirá a Troita de Ouro e Fernando Cobo contará coa súa Pedra de Honra nunha edición que terá como pregoeiro ao artista Diego As
Luis-Frade-Troita-Ouro-Pontenova-2026
27 Feb 2026

A CIT A Pontenova fixo públicos os nomes das persoas que este ano serán recoñecidas no marco da Festa da Troita 2026, reforzando así a súa vontade de poñer en valor a implicación co río Eo e cunha celebración que forma parte da identidade colectiva do municipio.

No apartado da Troita de Ouro, a entidade decidiu distinguir ao pescador melidense Luis Frade pola súa fidelidade á Pontenova e ao Concurso de Pesca, así como polo seu compromiso continuado coa festa ao longo dos anos. A súa presenza constante e a súa vinculación coa cita convertérono nun referente para moitos afeccionados. Xunto a el, tamén será recoñecido co mesmo galardón o xornalista de orixe asturiana Eduardo Fernández, que mantén unha estreita relación coa celebración desde hai tempo. A organización destaca a súa colaboración altruísta e o seu apoio permanente na difusión e proxección do evento, contribuíndo a consolidar a súa sona máis alá do ámbito local. Ambos recibirán a insignia no transcurso dos actos oficiais.

Pola súa banda, a Pedra de Honra do Paseo do Pescador será para o científico Fernando Cobo, investigador de referencia internacional no eido da Hidrobioloxía. O seu estudo integral sobre o río Eo supuxo un avance decisivo no coñecemento e na conservación deste ecosistema fluvial. O seu traballo constante en defensa das arterias fluviais galegas convérteo nunha figura clave na protección do patrimonio natural. Desde esta edición, o seu nome quedará ligado para sempre á beira do río a través dunha pedra conmemorativa.

Nos últimos días tamén se anunciou que o pregoeiro da Festa da Troita 2026 será o artista urbano Diego As, un dos muralistas galegos con maior proxección nacional e internacional e vencellado directamente á imaxe máis recoñecible da celebración. Foi el quen realizou a pintura realista da troita xigante que se converteu nun símbolo do evento.

En 2024 quedou instalada na Pontenova a escultura da troita que se presenta como a máis grande do mundo, cunha lonxitude de case nove metros e elaborada a escala dunha troita real. Na súa construción participaron dez estudantes de Soldadura e Caldeirería do IES Enrique Muruais, nun proxecto que uniu formación, arte e orgullo local.

Con estas distincións e anuncios, a CIT reafirma o espírito dunha festa que combina gastronomía, cultura e defensa do medio natural, consolidándose como unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo da Pontenova.

0.12926411628723