A Festa da Faba de Lourenzá será do 4 ao 6 de outubro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
25 sep 2019

Xa está publicado o programa da vixésimo novena edición da Festa da Faba de Lourenzá, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de outubro. O venres ás 19 horas será a inauguración do stand do Concello invitado, Ponteceso, na sala de exposicións. A continuación actuará Clave de Fado no salón de actos e ás 20.30 horas, no Centro de Interpretación da Faba, está prevista unha cata de viño comentada a cargo da adega Regina Viarium de Sober, que produce baixo Denominación de Orixe.

O sábado 5, trala apertura da Festa da Faba ás 11 horas, os visitantes poderán pasearse polas casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo, así como polo expositor de Ponteceso na sala de exposicións. Verán demostracións en vivo do traballo de varios artesáns en distintas prazas e rúas da localidade, así coma unha feria e exposición de automoción e vehículos agrícolas no Campo dos Bolos. De feito, neste senso, celebrarase a quinta edición da Vespafaba e Clásicos na rúa Fernández del Riego.

Tamén estarán expostos os traballos do segundo concurso artístico e infantil, nos accesos á sala de exposicións, que se poderán contemplar sábado e domingo.

O cuarteto tradicional Souto Xímaro animará as rúas dende as 11.00 horas e as 12.00 horas, Manuel Román Ramos lerá o pregón e a partir dese momento, a alcaldesa Rocío López García dará por inaugurada oficialmente a Festa da Faba na Praza do Conde Santo.

As 13 horas, a praza Linares Rivas acollerá unha degustación popular das xudías con viños da Adega Regina Viarium, que son da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O grupo Souto de Xímaro animará ao mediodía.

Ás 16.30 disputarase a décima carreira popular Val das Fabas, no Cantón, primeiro ás 17 con saída para os cativos e ás 18 horas, os adultos. Tamén haberá fútbol ás 17 co partido que enfrontará ao Lourenzá contra ao Pontenova, no campo de Santa Cruz.

Ás 21 horas subirá o escenario o grupo Astarot no Campo dos Bolos e continuará a verbena o dúo Epo-K.

O domingo ábrese o mercado da faba ao por maior ás 8.30 horas no mercado comarcal e ás 10 abrirán as casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo. Ao longo da mañá, a partir das 11.00 horas, haberá unha demostración de artesanía con xoguetes no Centro de Interpretación da Faba e un obradoiro de cociña infantil na praza Linares Rivas, no que se cociñará con fabas.

A charanga Mekánika actuará polas rúas e amenizará a degustación popular de Faba de Lourenzá na praza Linares Rivas.

Ás 17.30, o Lourenzá e o Folgueiro disputan un encontro futbolístico de Primeira Autonómica no campo de Santa Cruz e ás 18.30, para clausurar o evento, actuarán nunha mostra folclórica a asociación cultural Osorio Gutiérrez, así como Suso Vaamonde e Xosé Luís Romero co espectáculo '24 instrumentos populares galegos'.

Ao longo da fin de semana, un tren turístico levará a veciños e visitantes a percorrer a ruta das fabas e os establecementos hostaleiros ofrecerán tapas deste manxar durante a festa.

0.22048902511597