A Feira Náutico Pesqueira Expomar presentarase en Santiago o 10 de abril

TerraChaXa | AMariñaXa
A Feira Náutico Pesqueira Expomar será presentada en Santiago o vindeiro 10 de abril, segundo deu a coñecer hoxe o presidente da Fundación Expomar e alcalde burelés, Alfredo Llano.
1 Apr 2019

A Feira Náutico Pesqueira Expomar será presentada en Santiago o vindeiro 10 de abril, segundo deu a coñecer hoxe o presidente da Fundación Expomar e alcalde burelés, Alfredo Llano.

O rexedor dixo que “estamos esforzándonos en facer unha Feira Expomar realmente importante, con moitas novidades, moitos expositores, moitas marcas e dinamismo en todos os aspectos, no comercial e nas xornadas técnicas. Estamos traballando sobre iso e queremos facer unha feira importante para o sector náutico pesqueiro e que sexa unha referencia clara en todo o estado español. Imos facer unha presentación en Santiago o día 10, na sede de ABanca. Vainos acompañar a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Será a primeira presentación oficial, pero haberá algunha máis”.

O presidente da Fundación Expomar lembrou que “antes tíñamos una ocupación aproximada de 3.500 metros e este ano houbo que ampliala a 4.000 metros, o que quere dicir que hai interese. Polo tanto imos facer todo o que poidamos, tanto desde o Concello como desde Expomar para isto sexa un éxito. A cita será dos días 9 ao 12 de maio”.

Mesa de negociación do Concello

Alfredo Llano comentou que a vindeira semana terá lugar unha nova xuntanza da mesa de negociación no Concello para seguir avanzando na nova RPT:  “estamos a continuar coas negociacións da RPT do Concello de Burela. Fíxose un organigrama das necesidades e do que consideramos que é bo para o Concello, un sistema de organización onde están os documentos que recollen todas as necesidades para atender no presente e cara ao futuro. Houbo unha petición de cada área para ter todo cuberto e atender ben á xente de Burela. Imos ter unha reunión o día 4 de abril da mesa de negociación para falar de sistemas de valoración e chegar a un acordo entre todos para ter en conta qué criterios serían os mellores para facer a valoración de postos de traballo que é unha das fases últimas na elaboración da RPT. Esperemos que o día 4 determinemos as características para a valoración definitiva de cada un dos postos de traballo, iso indicaría que imos polo bo camiño, e comezaríamos a facer esas valoracións. Esperemos que nos dea tempo a ir facendo as cousas o antes posible para que, antes de que remate a lexislatura, ter claro como pode quedar a nova RPT”.

Cronista oficial

No pleno celebrado onte no Concello de Burela abordouse o nomeamento de Herminia Pernas como cronista oficial. O rexedor burelés explicou que “pensamos que era a persoa idónea agora mesmo de Burela para temas de investigación, divulgación e culturais, para promocionar o noso concello. Estivemos de acordo tanto o PSOE como o Bloque, pero o Partido Popular, dando máis voltas que unha noria, opúxose e abstívose. Pensamos que non foi elegante nesa abstención porque era algo do que xa se viña falando hai tempo, estábamos no plano de consensuar a proposta porque o cronista está por encima de todos os partidos políticos, dado que representa ao pobo. Era triste escoitar ao portavoz do PP intentando xustificar a súa abstención”. Na sesión plenaria de onte, a última ordinaria, deste mandato foron aprobadas as obras e os investimentos que se realizarán con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16876983642578