A feira Expomar amosa as súas dúas décadas de traxectoria en Fitur
![2025-Presenatción-de-Expomar2025-en-FITUR](https://amarinaxa.com/wp-content/uploads/2025/01/2025-Presenatcion-de-Expomar2025-en-FITUR.jpg)
A feira náutico-pesqueira Expomar 2025 presentouse oficialmente nun acto institucional na Casa de Galicia en Madrid co obxectivo de aproveitar o marco da feira internacional de turismo Fitur e dar maior relevancia ao alcance global de Expomar dentro dos sectores da pesca e a industria naval.
A Feira Expomar 2025, que se celebrará entre o 7 e o 10 de maio na nave de redes do porto de Burela, é un gran punto de encontro para os profesionais do sector marítimo e pesqueiro, así como para as administracións públicas, que se reunirán para abordar os retos e as necesidades do mundo do mar.
A Deputación de Lugo colabora estreitamente cada ano coa Fundación Expomar na organización desta feira, como parte do seu compromiso co sector primario. José Tomé agradeceu á presidenta de Expomar, a tamén alcaldesa de Burela e Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, a súa invitación para participar na presentación do 20º aniversario desta feira que “conseguiu posicionarse como un espazo de referencia no sector marítimo e pesqueiro, e evolucionar e adaptarse as necesidades do sector”.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tamén participou é enxalzou as dúas décadas de traxectoria deste evento dedicado ao sector pesqueiro e que serve cada ano para poñer en valor o traballo e bo facer da xente do mar. Nesta liña, resaltou que se trata dun evento consolidado que atrae cada ano a centos de expositores e miles de visitantes amosando os avances no ámbito da actividade pesqueira responsable e sostible.
O evento, enmarcado na Feira Internacional de Turismo (Fitur), serviu para expoñer os eventos centrais que promove a Fundación Expomar como son a Feira Monográfica Náutico- Pesqueira, o Econtro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, e as Xornadas Técnicas. Citas que contan co apoio apoio da Xunta e que deixan unha fonda pegada tanto en Burela como no conxunto da Mariña lucense.
O titular de Mar tamén resaltou as liñas de traballo comúns entre a Administración autonómica e esta entidade que tamén desenvolve accións de apoio ao sector nestes últimos anos, dirixidas cara ao ámbito da saúde e o consumo de peixe, entre as que destacan as xornadas Come San, Come Peixe e Mens Sa in Corpore San, ou á promoción de produtos ecolóxicos e artesanais, a través da Feira Produart.