A Feira do Trece regresa o 14 de xuño con gastronomía, exhibicións e música para todos os públicos

O vindeiro sábado 14 de xuño, o Lugar do Trece, en Carballido (concello de Alfoz), acollerá unha nova edición da Feira do Trece, unha cita xa consolidada no calendario festivo da comarca que combina tradición, lecer, exhibicións e boa comida.
Organizada pola Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido, a feira abrirá as súas portas ás 10:00 horas cun espazo dedicado á exposición de gando, maquinaria, produtos locais, cereixas, alimentación e artesanía. Ao longo da xornada, haberá exhibicións caninas a cargo de Paco Lobo, actuacións de música tradicional, sesión vermú con Dúo Belinda e animación musical da Discomóbil Conxuro.
Un dos pratos fortes será o xantar con menú típico, servido baixo carpa, precedido da entrega de premios aos mellores exemplares de gando e aos gañadores dos concursos previstos. Entre os galardóns haberá distincións ao mellor carro, mellor posto de montura ou mellor egua.
Tamén destaca no programa unha proba de andadura puntuable para o Campionato Galego da Federación Hípica Galega, que achegará ata Alfoz a xinetes e amazonas de toda Galicia. Pola tarde, continuarase coas actividades para os máis pequenos, como o taller infantil de lanzamento de frisbee, e unha nova exhibición canina.
A feira rematará pola noite coa verbena a cargo do Dúo Belinda e Conxuro Discomóbil, e un espectacular espectáculo de talla en madeira con motoserra a cargo de Yosi.