“A Feira do Trece de Alfoz xunta tanto maiores como xente nova e dálle vida ao pobo”
Por Lucía Blanco
O Lugar do Trece, na parroquia de Carballido, en Alfoz, converterase o 15 de xuño no escenario dunha cita gandeira das de toda a vida. A asociación de Veciños de San Sebastián de Carballido, coa colaboración do Concello de Alfoz e da Deputación de Lugo, organiza unha nova edición da Feira do Trece que pouco a pouco foi crecendo dende o seu rexurdir no ano 2018, cando decidiron recuperala “un pouco por probar”. De seguido viron o gran poder de convocatoria desta celebración, asegura Simón Maseda, membro da directiva do colectivo veciñal, que aposta pola tradición, polo rural e polo sector agrogandeiro.
Como vén sendo habitual, os asistentes poderán gozar da feira de gando e do mercado cunha selección de postos de artesanía, maquinaria, alimentación e produtos da zona. Ademais, o programa conta por primeira vez cunha proba de andadura da Federación Hípica Galega. “É a gran novidade. Terá lugar pola mañá de 11 a 13.30 e pola tarde a partir das 16.30 e é puntuable para o Campionato Galego”. Grazas a esta aposta, a parroquia será epicentro do mundo ecuestre coa chegada dos mellores xinetes desde distintos puntos do territorio galego.
“Hai sobre unha decena de probas na tempada en todo Galicia e compiten cabaleiros de toda a comunidade que para puntuar teñen que asistir. Queremos pensar que virá toda esta xente, máis todos aqueles que adoitan vir e a maiores aqueles aos que lles gusta ver andadura”, explica. A proba preséntase coma o gran atractivo desta convocatoria, aínda que non dubidan en repetila. “Todos os anos facemos algo. A pasada edición tivemos un espectáculo ecuestre e este ano decantámonos por isto para ver como vai e se funciona, porque é unha opción tela todos os anos”.
De novo, a feira poñerá en valor o sector primario da Mariña e distinguirá con premios os mellores exemplares en vacún e equino —para o lote máis numeroso de gando vacún e cabalar, ao mellor cabalo ou besta de montura e de tiro e á mellor vaca—. Haberá tamén pasacalles que amenizarán a xornada que contará con música tradicional, sesión vermú, xantar e verbena. “Supón bastante traballo organizala, pero xa levamos varios anos facendo e non é como a primeira vez, xa o temos máis controlado”.
Tradición de décadas
Deste xeito, esperan asegurar o tirón da cita coa que manteñen viva unha tradición que se remonta décadas atrás. “Fai moitos anos en Carballido, o 13 de todos os meses había feira e a máis grande do ano era a de xuño, á que lle chamaban o 13 das cereixas, porque viñan vendedores de cereixas e era na que se contaba con máis asistencia”. Pensaron que facela de xeito mensual non tería éxito, entón decidiron recuperala “na data na que era máis potente e organizala o sábado máis próximo ao 13 para reunir máis xente”.
O que comezou como unha forma de traer aos nosos días parte da nosa historia converteuse nunha cita que transcende xeracións e non entende de idades. “Empezamos un pouco por probar e vimos que se xuntaban moitos maiores para ver como era antes a feira, para ver os postos e comer aquí e tamén moita xente nova porque lle damos un toque para que pasen o día e desfruten”. Precisamente, a música é o principal atractivo co que conseguen que a rapazada tamén se atope entre o seu público máis fiel. “Gústalles máis a festa, entón contamos con actuacións todo o día e DJ ata a madrugada”.
Esta asociación espera reunir decenas de visitantes que se acheguen á parroquia para coñecela, para pasar o día “ata que o corpo aguante” e para axudar a que unha tradición destas características non desapareza co paso do tempo. “É importante que se manteñan estas citas, porque é a forma de darlle vida ao pobo xa que vai quedando cada vez menos xente”, conclúe Simón.