A Feira do Libro de Viveiro conta cunha ampla oferta cultural, actividades para nenos e encontros
O Concello de Viveiro inaugurou nos Xardíns Noriega Varela a súa Feira do Libro 2023, cunha ampla oferta cultural, actividades para nenos e encontros con diferentes escritores e escritoras.
“É unha satisfacción que Viveiro sexa estes catro días a capital galega das letras e quero agradecer o esforzo da Federación de Librarías de Galicia, así como o traballo diario dos libreiros e libreiras presentes na feira, profesionais dun sector fundamental na nosa sociedade”, asegurou a alcaldesa, María Loureiro.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, destacou a importancia “desta festa dos libros, que converte a Viveiro no epicentro da cultura galega; os libros e a lectura son a mellor bandeira e un gran motor para calqueira persoa”.
Fernández-Noriega puxo en valor “que teñamos dúas pregoeiras mulleres, Nazaret López e a pregoeira infantil, Emily Sofía Castañeda, reivindicando unha vez máis a cultura en feminino, temos unha conta pendente como sociedade para darlle máis espazo ás mulleres artistas”. Emily forma parte do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) e do Grupo de Participación de Viveiro.
Os establecementos e entidades participantes nesta Feira do Libro de Viveiro son a Libraría Porta da Vila; Lar Libros-Editorial Canela; Libraría Cartabón; Libraría Aguirre; A Gata Tola; Libraría Pedreira; Librería Lume; Libraría Aenea; Librería Uróboros, e os stands do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e da Deputación de Lugo.
O programa desta Feira do Libro é moi amplo e variado, con presentación de libros e actividades para o público infantil, como espectáculos teatrais e contacontos.