A Feira do Ferro de Riotorto terá que seguir esperando
A Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros non poderá organizar un ano máis a seu tradicional festexo, un feito que terá consecuencias para o oficio.
A pandemia está azoutando a tódolos sectores culturais e tradicionais deixando sen actos de promoción á artesanía galega. A Feira do Ferro que se celebra en Riotorto dende o ano 2007 no mes de abril é un grande encontro que soe contar demostracións en vivo, música e mercado, pero non poderá organizarse tampouco este ano.
Esta iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros é un dos piares clave da súa economía, pero a situación sanitaria imponse por riba de tódolos aspectos. O presidente da entidade e ferreiro de profesión, José Mario Cabo, explica que cando tomaron a decisión “non tivemos demasiada dificultade para decidilo, xa vimos que novamente non se podía celebrar”. O feito de que non se organice de novo a feira “repercute para o pobo en xeral, porque ten moitísimo auxe, ven moita xente. Traballamos moitos meses para construír cada edición e non só para o pobo terá consecuencias económicas, senón tamén para a xente que vén a poñer os seus postos, igual se xuntan 160 e véndese moito. Vanse notar perdas graves”.
Para os ferreiros da Asociación tamén repercutirá negativamente por outra parte, xa que “nós poñemos tamén os nosos produtos, pero á vez temos que facer as demostracións e ensinamos así o noso traballo, perdemos esa divulgación do oficio que é moi necesaria. A Feira do Ferro saíu de catro amigos que en 2006 comezamos a pensar en como promover a profesión. Supón moitísimo traballo pero estou contento de facer ese esforzo”.
Na actualidade na zona de Riotorto hai aproximadamente unha ducia de persoas facendo pezas de ferro, pero a súa situación non é sinxela. “Séguese consumindo moito ferro, séguense demandando pezas para o monte e para as plantacións, ademais de utensilios sinxelos para as casas, pero comparado con hai anos vai descendendo. En tódolos sitios unha ferramenta manual fai falla, o sector das ferramentas é necesario, pero a artesanía non pode competir cos prezos das fábricas”.
O proceso manual que fan os ferreiros é moito máis laborioso e custoso, polo que se encontran cunha problemática, “existe un circulo vicioso no campo, a xente que demanda as ferramentas tamén ten problemas para vender a súa produción, como a leite ou os produtos de horta. É unha cadea, se eses prezos están baixos nos temos que baixalos para que poidan acceder ás ferramentas. Se non hai cartos móvese todo con dificultade. Se encontran un coitelo por dous euros cómprano, pero logo tamén ven que a calidade non é a mesma”.
Esta complicada situación empeorou aínda máis coa pandemia, “ eu levo uns meses parado por enfermidade, pero os meus colegas chámanme e cóntanme que non hai nada de traballo. Estamos notando moito a prohibición de desprazarse entre autonomías. Á Mariña viña moita xente de Asturias e de máis lugares a mercar ferramentas”, conta José María. As dificultades que está a vivir a profesión pon en tela de xuízo que “a tendencia é que dentro de uns anos isto acabarase porque penso que dentro duns anos haberá poucos ferreiros ou incluso ningún. Necesitamos apoio económico, teríase que buscar a maneira de como sustentar o oficio para que continuara, porque se non resulta rendible, tes que pechar”.
Polo momento por parte da Asociación non se poderán facer moitas promocións dada a situación, pero o seu presidente conta que Riotorto ten unha grande oportunidade para dalos a coñecer, “poderíamos ter repercusión mediante a Ruta dos Ferros, un paseo moi bonito pola veira do río que conta cun bosque autóctono que podería converterse nun atractivo para o pobo. Habería que mellorala e explotala máis para que fose unha ruta de referencia que chamara a xente a vir a Riotorto e tamén a coñecer o noso oficio, pero agora mesmo iso tamén é complicado”.