A Feira do Ferro de Riotorto non decepcionou un ano máis

TerraChaXa | AMariñaXa
Durante toda a xornada, as rúas enchéronse de visitantes que seguiron con entusiasmo as demostracións de forxa en vivo e os postos artesanais
feira-do-ferro-riotorto-1
21 Apr 2025

O corazón do ferro volveu latexar con forza en Riotorto, que se converteu, unha vez máis, nunha homenaxe viva aos ferreiros e á súa arte ancestral. A Feira do Ferro, que cada ano se celebra con maior intensidade, transformou a vila nun escenario de lume, forxa e memoria, onde centos de persoas se achegaron para descubrir –ou redescubrir– un oficio que forma parte do ADN cultural e económico desta terra.

Durante toda a xornada, as rúas enchéronse de visitantes que seguiron con entusiasmo as demostracións de forxa en vivo e os postos artesanais. A presenza de recoñecidos ferreiros, tanto galegos coma doutros puntos de España, serviu para amosar non só a mestría do oficio, senón tamén a súa capacidade de adaptación aos tempos modernos. Os asistentes puideron admirar como o pasado e o presente se entrelazan entre faíscas e martelos. Entre eles estaban Manuel Alonso, Agustín Iglesias, José María Cabo, Óscar Villada e Amando González, ademais de artesáns do ferro do Corgo, Compostela, Culleredo ou Navarra e Alcalá de Henares.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acudiu á cita acompañada polo alcalde Clemente Iglesias, representantes do BNG e da Deputación, da man de Iria Castro e Daniel García. Gómez salientou a importancia de preservar este tipo de eventos como motores de identidade e dinamización territorial.

Daniel García e Iria Castro valoraron “o traballo realizado pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto na organización da feira, que demostra o potencial que a tradición do ferro ten como motor para a dinamización económica, social e cultural do
concello”

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a lectura do pregón a cargo do filólogo Bieito Fernández Salgado, fillo de ferreiro, que evocou cunha fonda carga simbólica a vida entre bigornas e carbón, e reivindicou o valor humano e cultural desta profesión.

Neste marco, no último ano, a Asociación Para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto desenvolveu dúas investigacións, coordinadas por Xose M Salgado, que afondan no coñecemento e documentación da tradición do ferro en Riotorto. Unha delas está centrada na recollida e catalogación de ferramentas e técnicas do oficio, permitiu reunir máis de 250 pezas, entre distintos tipos de ferramentas, xunto a documentos antigos e fotografías relacionados co ferro.

Os materiais foron descritos e identificados, atendendo á procedencia en cada caso concreto, ao ferreiro e a casa de procedencia, que polo xeral constitúe unha saga familiar, xa que en moitos casos o oficio provén de pais, avós e, ata onde a memoria permite chegar, bisavós.

O segundo traballo céntrouse na recollida de noticias orais e documentación sobre un escoiral situado ao longo do leito do Rego de Ferreiravella, ao que se atribúe unha extensión de máis dun quilómetro. Do xacemento leváronse aos altos fornos de Trubia (Asturias) e Euskadi miles de toneladas das escouras ricas en ferro. Diversos documentos acreditan que os propietarios do terreo percibían 25 pesetas por tonelada métrica.

No marco da feira tamén se puxo o foco no estudo e documentación da tradición ferreira, grazas ao labor do investigador Xosé María Salgado, coordinado pola devandita asociación. Esta liña de traballo subliña que o futuro do ferro pasa tanto pola forxa como pola investigación e a memoria.

A feira foi, así, moito máis ca un evento festivo: foi unha declaración de principios. Riotorto reafirmou o seu compromiso co pasado, pero tamén coa innovación e a continuidade. Porque, como se demostrou nesta edición, o ferro segue quente, vivo e con futuro.

⚙ Configurar cookies
0.17706799507141