A feira de gando do San Bartolo reunirá o 24 de agosto a criadores e amantes do sector en Monte-Xove

A parroquia de San Isidoro de Monte, no concello de Xove, acollerá o vindeiro sábado 24 de agosto unha nova edición da tradicional feira de gando do San Bartolo, unha cita anual que congrega a gandeiros, criadores e afeccionados para exhibir e comerciar con exemplares de alta calidade.
Durante a mañá celebraranse os concursos gandeiros, que premiarán ao maior número de reses cabalares e ao maior número de reses de gando vacún. Xa pola tarde terá lugar o concurso de marcha, que volverá ser un dos atractivos destacados da programación.
Na presentación oficial do cartel estiveron presentes membros da directiva da Comunidade de Montes Costa de Laxamoura, entidade organizadora, representados por Antonio Paleo, Miguel Otero e Antonio Liborio. Xunto a eles participaron o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Agricultura e Gandería, Mª Dolores Meitín.
Desde a organización fan un chamamento a todas as persoas vinculadas ou interesadas no sector gandeiro para que se acheguen a Penas Agudas, en Monte, e desfruten dunha xornada completa con moito gando, música e ambiente festivo.