A Feira de Gando de Augaxosa volve a Riotorto cunha ampla mostra de razas autóctonas

TerraChaXa | AMariñaXa
A cita incluirá degustacións, música en directo, demostracións artesanais e premios para o maior número de cabezas de gando
RIOTORTO-Feira-de-gando-augaxosa
24 Aug 2025

A parroquia de Augaxosa, en Riotorto, prepárase para acoller este sábado 13 de setembro unha nova edición da súa tradicional Feira de Gando e Mostra de Razas Autóctonas, un evento que combina tradición, gastronomía e música para gozo de veciños e visitantes. A programación abrirase ás 9.30 horas coa feira de gando, á que seguirá, ás 10.30, a mostra de animais de razas autóctonas.

A partir das 11.00 horas haberá demostracións de oficios artesáns como a cestería e o torneado de madeira. Media hora máis tarde, os músicos da propia parroquia animarán a mañá cun pasacalles. Ás 12.30 horas ofrecerase unha degustación gratuíta de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega, iniciativa que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A música continuará ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo do Trío Karma, e ás 14.30 terá lugar a entrega de premios aos propietarios co maior número de cabezas de gando, cunha dotación de ata 350 euros para o primeiro posto. Durante toda a xornada, o público poderá gozar de postos de alimentación e téxtil, con venda de polbo e churrasco.

A organización lanza a invitación: “Se queres ser parte dunha tradición secular, escríbenos a asociacionaugaxosa@gmail.com”. Con esta mensaxe, anímase á veciñanza e visitantes a sumarse, ofrecendo un contacto directo para formalizar a inscrición ou solicitar máis información.

⚙ Configurar cookies
0.29258608818054