A Feira de Gando de Augaxosa regresa este sábado cunha ampla mostra de razas autóctonas

TerraChaXa | AMariñaXa
A cita incluirá degustacións, música en directo, demostracións artesanais e premios para o maior número de cabezas de gando
augaxosa-feria
11 Sep 2025

A parroquia de Augaxosa, en Riotorto, prepárase para acoller este sábado 13 de setembro unha nova edición da súa tradicional Feira de Gando e Mostra de Razas Autóctonas, un evento que combina tradición, gastronomía e música para gozo de veciños e visitantes. A programación abrirase ás 9.30 horas coa feira de gando, á que seguirá, ás 10.30, a mostra de animais de razas autóctona, con presenza de vacún de razas cachena, caldelá e vianesa, ovella galega e galiña de Mos.

O recinto contará tamén con demostracións de cestería e tornería, postos de venda de alimentación, artesanía e textil, animación musical, cun pasarrúas a cargo de Gaiteiros da Augaxosa e unha sesión vermú co Trío Karma, ademais de casetas de polbo e churrasco para xantar.

A partir das 11.00 horas haberá demostracións de oficios artesáns como a cestería e o torneado de madeira. Media hora máis tarde, os músicos da propia parroquia animarán a mañá cun pasacalles. Ás 12.30 horas ofrecerase unha degustación gratuíta de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega, iniciativa que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A música continuará ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo do Trío Karma, e ás 14.30 terá lugar a entrega de premios aos propietarios co maior número de cabezas de gando, cunha dotación de ata 350 euros para o primeiro posto. Durante toda a xornada, o público poderá gozar de postos de alimentación e téxtil, con venda de polbo e churrasco.

A feira de gando contará tamén cunha degustación de hamburguesas de carne de poldro de Pura Raza Galega, incluída no programa de promoción de razas autóctonas galegas Un gusto de rural, un rural degusto da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Asociación de Criadores de Pura Raza Galega -Puraga -, unha das asociacións gandeiras que colaboran nesta iniciativa, encargarase de elaborar as hamburguesas que se ofrecerán, gratuitamente, desde ás 12.30 horas.

A feira de Augaxosa conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que achegará 3.000 euros á organización, ampliando a súa rede de colaboración coas feiras cabalares que se celebran na provincia, e especialmente na Mariña interior, poñendo en valor esta tradición gandeira ligada ao territorio.

O deputado de Rural Daniel García, que visitou recentemente a Augaxosa, recoñeceu “o traballo da organización e da veciñanza para dar continuidade á feira como sinal de identidade e por impulsar ao longo do ano actividades que favorecen o encontro e a convivencia”.

⚙ Configurar cookies
0.18663382530212