A Feira de Artesanía de Viveiro celebra o seu 40 aniversario

AMariñaXa
Haberá decenas de postos, coa presenza de numerosos profesionais da artesanía e nos que haberá obradoiros e demostracións do oficio
Feira-de-artesanía-viveiro
2 Ago 2024

O Concello de Viveiro acolleu a presentación da 40ª Feira de Artesanía, que se celebrará nos xardíns Noriega Varela entre os días 9 e 18 de agosto. A feira, organizada polo Concello de Viveiro e a asociación PROA, celebra o seu 40 aniversario, consolidándose como unha das máis antigas de Galicia.

Haberá decenas de postos, coa presenza de numerosos profesionais da artesanía e nos que haberá obradoiros e demostracións do oficio. Con motivo dos catro decenios de actividade da feira haberá un acto de inauguración que contará coa colaboración de Carlos Nuevo, Cronista Oficial de Viveiro, e da asociación folclórica Bágoas da Terra.

“Será unha inauguración moi especial, como non pode ser doutro xeito ao alcanzar un fito tan destacado”, afirma a alcaldesa María Loureiro. A Feira de Artesanía “leva 40 anos sendo unha referencia indiscutible no sector pola súa calidade e variedade”, engade. Haberá tamén unha exposición sobre a feira realizada con motivo do aniversario na sala traseira do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, co obxectivo de poñer en valor a historia do evento.

0.20955801010132