A Feira da Espiñeira, de Foz, volverá este domingo 19 de xuño

Foz
AMariñaXa
A Feira da Espiñeira no Concello de Foz volverá este domingo 19 de xuño no recinto habitual na parroquia de Vilaronte.
14 Jun 2022

Despois duns anos de parálise por mor do covid, o Concello de Foz anuncia que a Feira da Espiñeira volverá este domingo 19 de xuño no recinto habitual na parroquia de Vilaronte.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “ao gando habitual de vacas e cabalos sumaranse outros animais nunha xornada de festa que tivera unha gran importancia económica no seu momento. A feira, que fora recuperada no ano 1998 por parte dos veciños da Espiñeira despois de 20 anos sen celebrarse, continúa coa organización do Concello: é moi importante, cada vez máis, tamén para que os cativos teñan contacto coa natureza e a gandería. Vamos poder desfrutar dos animais, pero tamén haberá música co Dj Tapy García, cantina e, por suposto, unha pulpería para todos os que queiran pasar o día na Espiñeira”

A feira da Espiñeira celébrase de forma habitual o terceiro domingo do mes de xuño, o anterior ao San Xoán, patrón da parroquia de Vilaronte, e que ten as súas festas nesa data, polo que a feira de gando é sempre a antesala aos festexos da parroquia.

O Concello lembra que as portas abriranse ás 11 da mañá e ás 12 horas haberá un pasarrúas. A partir das 13 horas, sesión vermú, coa novidade este ano dun inchable gratuíto para os máis cativos. 

“Con 800 euros en premios para as cabezas que se expoñan, o Concello de Foz anima a todo aquel que queira mostrar os seus animais nunha xornada que se espera sexa moi animada”, remata o alcalde.

0.16269111633301