A Federación de Veciños de Lugo esixe solucións urxentes ante a “crítica situación” do Hospital da Mariña

A Federación de Asociacións Veciñais de Lugo “Lucus Augusti” vén de denunciar a grave situación que atravesa o Hospital Público da Mariña, en Burela, e reclama medidas inmediatas por parte do Sergas e da Xunta de Galicia para garantir unha atención sanitaria digna e de calidade.
A denuncia chega tras unha reunión celebrada o pasado 22 de xuño, na que participaron Francisco Javier Otero, vicepresidente e voceiro da Federación, Miguel Ángel Corredoira, vicepresidente da zona da Mariña, e María Jesús Sánchez, vicepresidenta da zona sur. No encontro, mantido con representantes das asociacións veciñais da comarca, abordáronse varias cuestións, entre elas “o intento de chantaxe por parte do Partido Popular, impoñendo á Federación as listas das persoas que poden asistir aos actos da mesma e de asociacións federadas”.
Con todo, a preocupación principal xirou arredor da situación do Hospital Comarcal de Burela. As asociacións coincidiron en sinalar como un dos maiores problemas actuais a falta de servizos e a demora na atención sanitaria. Por iso, acordouse por unanimidade a creación dun grupo de traballo encargado de recompilar datos e reclamar melloras urxentes para un hospital que, segundo indican, está “cada vez máis abandonado”.
O informe elaborado por ese grupo de traballo recolle múltiples casos que exemplifican o colapso asistencial que sofre o centro. En uroloxía, por exemplo, detectáronse situacións nas que tras unha intervención cirúrxica se prescribe unha revisión aos seis meses, pero os pacientes seguen sen recibir atención máis dun ano despois. “Isto é algo común en uroloxía, temos máis casos que despois de intervencións non se leva a cabo a pertinente revisión que o cirurxián lles manifesta que debe facerse aos seis meses, parece que é unha práctica común neste centro hospitalario”, sinala a Federación.
Outros exemplos inclúen un paciente pendente dunha ablación cardíaca, a quen se lle informou que o procedemento se realizará no HULA cun tempo de espera estimado entre ano e medio e dous anos. “Isto crea inseguridade e angustia ao paciente, sabendo que anos anteriores no Hospital Público da Mariña realizábanse outros procedementos cardíacos como marcapasos, etc.”, recollen.
Tamén se documentan casos de esperas de ata dez meses para realizar unha anxiografía con volante preferente; consultas de traumatoloxía que tardan entre un e dous anos; ou pacientes que foron operados en maio de 2024 e seguen agardando pola rehabilitación postoperatoria.
Nun caso especialmente preocupante, un paciente hospitalizado por pedras no ril que chegou a ter parálise intestinal recibiu o alta e pediu cita para revisión aos seis meses. A cita foille concedida para novembro de 2022, pero a día de hoxe segue sen ser atendida. Outro paciente achegou capturas de pantalla con tres citas pendentes: cardioloxía e neurología desde marzo de 2023 e reumatoloxía desde xullo de 2024.
As asociacións veciñais da Mariña denuncian tamén a decisión da Xerencia do Hospital de pechar unha planta durante o período vacacional, cando a poboación da comarca chega a triplicarse. Isto provoca derivacións de pacientes ao HULA, incrementando a presión neste centro e xerando trastornos tanto para as persoas enfermas como para as súas familias.
“Consideramos que non existe unha data idónea para enfermar, pero si se pode garantir unha atención sanitaria óptima, os usuarios consideramos que esa atención ten que estar garantida, e non o está”, subliñan.
A Federación advirte ademais de que esta situación repercute directamente no conxunto da rede sanitaria pública, xa que o peche de plantas nos hospitais comarcais acaba saturando tamén os grandes hospitais como o HULA.
Desde “Lucus Augusti” lembran o seu compromiso coa defensa dunha sanidade pública de calidade, igualitaria e accesible, “con independencia de onde vivas”, e acusan á Xunta de Galicia de contradicirse cando fala de loitar contra o despoboamento rural mentres reduce servizos esenciais no interior do país.
“Esiximos que a Xunta de Galicia poña os medios económicos e persoais necesarios para que a calidade asistencial estea garantida nuns prazos equivalentes ao mundo en que vivimos e non en prazos similares a moitos países terceiromundistas sen apenas investimento en sanidade”, conclúe a Federación.