A Federación de Espeleoloxía inclúe a cova do Rei Cintolo no seu Atlas de Cavidades
A Federación Galega de Espeleoloxía está a elaborar o Atlas de Cavidades de Galicia que recollerá información, entre outras, da Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo, de cara á “poñer en valor a cavidade natural máis grande de Galicia e con maior percorrido horizontal” que “constitúe un dos reclamos naturais máis destacados do municipio”, destacan desde o Concello, que apoia esta iniciativa.
O Atlas de Cavidades de Galicia recollerá información, sobre localización, modelos dixitais, cartografía, fichas, planos, protección, accesibilidade e restricións para aqueles espazos en Rede Natura ou roteiros; e tamén sobre a redución ao mínimo do impacto das visitas a estas cavidades subterráneas. É dicir, completará e actualizará o Inventario de Cavidades de Galicia elaborado pola Federación Galega de Espeleoloxía na década dos 90 incorporando tamén datos de barrancos e canóns; xa que o seu descenso constitúe unha das actividades máis importantes dentro do ámbito deportivo da federación.
O proxecto, dividido en tres fases, dará comezo neste 2021 co financiamento da Secretaría Xeral para o Deporte que achega 12.250 euros para a súa primeira fase dentro dos 26.233 euros que dirixe á Federación Galega de Espeleoloxía con motivo da sinatura do convenio de colaboración para a realización do programa de promoción e desenvolvemento da súa modalidade deportiva no ano 2021. Trala organización do traballo a desenvolver, a segunda fase centrarase na localización e organización de cavidades e canóns e, a terceira, máis longa e tediosa, resérvase para a realización de topografías xeorreferenciadas. O orzamento total do proxecto ascende a 199.000 euros.
Plataforma informática con información xeorreferenciada
A Federación Galega de Espeleoloxía empregará plataformas informáticas que unifican a información xeorreferenciada en capas dun punto concreto e facilitan a visualización e accesibilidade aos datos que tradicionalmente se reflexaban nun mapa. Concretamente, este proxecto desenvolverase en software de código aberto presente en todo o mundo, gratuíto e dispoñible para todos os soportes informáticos: Q-GIS. Este sistema relaciona elementos xeográficos de calquera tipo -dende as propias covas e canóns ata as estradas, obras con afectación aos espazos subterráneos- aos que se poden engadir trackings de roteiros recomendados e, así mesmo, permite realizar consultas e presentar resultados en entornos web e móbiles.
O atlas será, polo tanto, útil, accesible e portable, ademais de uniforme e vivo. Con este proxecto xerarase información de aplicación en diferentes eidos e non só puramente ao espeleolóxico; xa que contribuirá a recuperar a toponimia local e tradicional galega, achegar documentación que permita divulgar o patrimonio natural, ecolóxico, cultural e deportivo de Galicia e poñer un gran de area de cara á dinamización económica do rural galego contribuíndo á fixación de poboación.
O Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía manteñen un convenio desde o ano 2016 polo que a entidade se encarga das visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo; pero, ademais, dentro dunha liña de traballo conxunta e continuada co obxectivo de promover a cavidade, dende a Federación teñen trasladado á entidade local unha nova opción dentro das visitas guiadas como é o proxecto de Espeleoparque da Mariña Lucense.
Por outra banda, tamén en colaboración coa Federación Galega de Espeleoloxía, en maio do 2019 facíase realidade un dos obxectivos do goberno local coa apertura no pazo de Santo Tomé -un local cedido polo Concello- do Centro Español de Documentación Espeleolóxica co obxectivo de “dar un paso máis para converter Mondoñedo nun referente imprescindible e de primeiro nivel como destino espeleolóxico”.