A FCAM pecha con éxito a campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) fixo un balance moi satisfactorio da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, desenvolvida entre o 25 de outubro e o 30 de novembro, unha acción orientada a poñer en valor o pequeno comercio da comarca e a súa capacidade para xerar actividade económica e social.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, destacou que foron cinco fins de semana intensos de traballo centrados na promoción dos establecementos locais, con visitas a numerosos negocios de vilas como Foz, Lourenzá, Ribadeo, Viveiro e Burela. Ao longo do percorrido, as 18 persoas convidadas pola organización tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man comercios con preto dun século de historia, negocios familiares que pasaron por varias xeracións e tamén proxectos de recente creación. Segundo subliñou Cruzado, “o máis importante foi amosar a dedicación, a paixón e o esforzo que se agochan detrás de cada mostrador”.
A campaña incluíu tamén un importante compoñente de dinamización económica directa. Tal e como explicou a presidenta da FCAM, realizáronse cinco sorteos de vales de compra por un importe total de 2.500 euros nos concellos de Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova, Xove e Burela. Ademais, as persoas convidadas aloxáronse en hoteis da comarca e gozaron da oferta gastronómica da hostalaría mariñá, contribuíndo así a impulsar outros sectores estratéxicos ligados ao turismo.
Cruzado quixo agradecer de maneira especial o traballo de todas as persoas e entidades implicadas na campaña: desde as persoas convidadas, procedentes de ámbitos como o xornalismo, o cinema, o deporte ou a cultura, ata as asociacións de comerciantes, os concellos e o sector hostaleiro. “Entre todas e todos conseguimos ofrecer unha imaxe atractiva e real do comercio da Mariña, da súa hostalaría e dos seus recursos turísticos”, sinalou, destacando tamén o apoio económico da Dirección Xeral de Comercio, clave para facer realidade o proxecto.
A repercusión mediática foi outro dos aspectos máis salientables da iniciativa. A campaña tivo presenza tanto en medios de comunicación locais como en plataformas de ámbito estatal, grazas á difusión realizada polas persoas convidadas a través das súas redes sociais e dos medios nos que colaboran, como televisións, radios e publicacións escritas. Desde a FCAM, o seguimento da campaña realizouse tamén a través de vídeos difundidos nas redes sociais da federación, que acadaron máis de 31.000 visualizacións.
Desde a Federación de Comercio A Mariña aseguran que continuarán traballando en defensa dos negocios locais da comarca e amosan a súa confianza en que a campaña de Nadal, xa en marcha, resulte tamén moi positiva para o conxunto do sector.