A FCAM leva ao IES Monte Castelo de Burela o debate sobre o futuro laboral na Mariña

O salón de actos do IES Monte Castelo acolleu unha nova parada do ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña que impulsa a Federación de Comercio A Mariña (FCAM). A iniciativa, que nesta segunda edición arrancou a finais do pasado ano en Ribadeo, continúa así o seu percorrido polos centros educativos da comarca co obxectivo de achegar ao estudantado a realidade do mercado de traballo máis próximo.
A xornada contou coa intervención de Raquel Hermida, docente especializada en motivación e marca persoal, e de Xavier Pardiñas, arquitecto técnico e experto en Prevención de Riscos Laborais. Ambos ofreceron unha visión complementaria sobre os retos e oportunidades que agardan aos futuros profesionais.
Hermida centrou a súa exposición na importancia da autoestima e do autocoñecemento como piares fundamentais para construír un proxecto laboral sólido. Animou ao alumnado a aceptarse, identificar as súas fortalezas e adoptar unha actitude proactiva ante os desafíos. Ao seu xuízo, a diferenciación persoal e a capacidade de adaptación resultan claves nun contexto laboral cambiante.
Pola súa banda, Pardiñas puxo o foco na cultura preventiva dentro das empresas e na necesidade de integrar a seguridade como un valor esencial en calquera actividade profesional. A través de exemplos prácticos e material audiovisual, explicou como a correcta xestión dos riscos contribúe non só a evitar accidentes, senón tamén a mellorar a produtividade e o benestar nos centros de traballo.
A sesión desenvolveuse cun formato dinámico, combinando a proxección de vídeos coa participación activa do alumnado e do profesorado. Asistiron estudantes do ciclo superior de Prevención de Riscos Profesionais e do ciclo medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría, tanto na modalidade ordinaria como para persoas adultas.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, aproveitou o encontro para poñer o acento na necesidade de cubrir a demanda de man de obra existente na comarca. Segundo sinalou, na Mariña existen oportunidades laborais con condicións equiparables, e mesmo superiores, ás doutras zonas do país, ás que se suma unha elevada calidade de vida. Cruzado agradeceu á dirección do centro e ao profesorado a súa implicación na organización da actividade e o seu compromiso coa orientación e motivación do alumnado.