A FCAM lanza a campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense” para dinamizar o pequeno negocio

O Cenima de Foz acolleu a presentación da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”, promovida pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM) e financiada pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. O programa desenvolverase do 20 de outubro ao 30 de novembro e percorrerá distintas vilas da comarca coa intención de reforzar o papel do pequeno comercio como motor económico e social.
Na presentación participaron a presidenta da entidade, Carmen Cruzado, e o tesoureiro, José Carlos Paleo. Ambos coincidiron en destacar que se trata dunha acción “para facer pobo, facer Mariña” e para animar á cidadanía a apostar polo comercio local fronte a outras canles de compra.
A presidenta explicou que a campaña contará con convidadas e convidados de relevancia no ámbito do xornalismo, a música, a escritura ou o cine, que visitarán rúas comerciais de Viveiro, Burela, Foz ou Ribadeo, converténdose en reclamo para atraer público. Ademais, sinalou que “imos sortear 2.500 euros en vales de compra en vilas como Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova ou Xove, entre outras”. As persoas que realicen compras nos establecementos adheridos poderán trocar os seus tíckets por rifas para participar nos cinco sorteos previstos, e serán precisamente eses convidados especiais quen entreguen os premios.
Cruzado destacou tamén a vertente turística e gastronómica da proposta: “imos ensinarlles aos nosos convidados lugares emblemáticos da Mariña e tamén a excelente cociña coa que contamos, porque entendemos que comercio e turismo están moi unidos neste destino”.
Pola súa banda, José Carlos Paleo incidiu en que “cada concello ten as súas potencialidades, ben na costa ou no interior, e debemos explotalas ao máximo. Queremos que a xente tome conciencia de que no comercio local pode atopar todo o que precisa, sen saír da comarca”.
A campaña percorrerá distintas vilas segundo este calendario: o 25 e 26 de outubro en Foz e Barreiros; o 8 e 9 de novembro en Lourenzá e Mondoñedo; o 15 e 16 en Ribadeo e A Pontenova; o 22 e 23 en Xove e Viveiro; e, finalmente, o 29 e 30 en Burela. Desde a FCAM avanzaron que nos próximos días se darán a coñecer os nomes das persoas convidadas que participarán en cada cita.