A falta de transparencia pon en risco o futuro da illa Pancha a días do fin da concesión privada

AMariñaXa
O colectivo veciñal Por Nuestro Faro denuncia a opacidade institucional e reclama que non se prorrogue a explotación sen avaliación ambiental
illa-pancha-ribadeo
25 Jun 2025

A poucos días de que expire o prazo legal da concesión privada para a explotación da illa Pancha, en Ribadeo, ningunha administración implicada —Portos de Ferrol-San Cibrao, Xunta de Galicia nin Concello— ofreceu información pública sobre a súa posible prórroga. A concesión actual, vixente desde 2015, remata o 30 de xuño, e podería ser renovada por cinco anos máis, pero a cidadanía descoñece completamente en que punto se atopa o proceso.

Desde a asociación veciñal Por Nuestro Faro, levan meses reclamando datos básicos sobre a situación legal da concesión, especialmente se foi solicitada a súa prórroga e se se esixirá por fin unha avaliación de impacto ambiental, obrigatoria por lei pero nunca realizada. “Hai catro meses que nos diriximos á Autoridade Portuaria e aínda non obtivemos ningunha resposta”, sinalan desde o colectivo. Tampouco o Concello de Ribadeo, din, amosou interese en mediar ou achegar claridade, limitándose a remitir os correos á Autoridade Portuaria.

A illa Pancha, situada nun espazo incluído na Rede Natura 2000, é considerada polos veciños como un emblema patrimonial e identitario. A súa cesión para uso privado con fins hostaleiros xerou desde o principio forte controversia social. A propia Valedora do Pobo, xunto co Defensor del Pueblo e outras entidades, como Ecoloxistas en Acción, veñen advertindo desde hai anos sobre a irregularidade dunha concesión que non cumpre cos requisitos ambientais esixidos pola Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

Ecoloxistas en Acción vén de outorgar, por segundo ano, a Bandeira Negra á illa Pancha, destacando a “falta de vontade das tres administracións para esixir o cumprimento da legalidade”. Xa en 2022, esta entidade ecoloxista denunciara a mesma situación, sen que se produciran avances. Segundo Por Nuestro Faro, “o feito de que se recoñeza a necesidade dunha avaliación ambiental pero que non se leve a cabo, revela unha permisividade inaceptable por parte das institucións, que están a actuar entre o silencio e a opacidade”.

Desde o colectivo veciñal reiteran a súa esixencia de que non se conceda ningunha prórroga mentres persistan estas irregularidades, e insisten en que é imprescindible realizar unha avaliación ambiental previa. Esta semana volveron remitir un escrito ao Defensor del Pueblo, denunciando a súa indefensión e reclamando transparencia e compromiso legal. “Levamos dez anos denunciando esta situación. A illa Pancha non merece continuar nun limbo legal e institucional. As administracións deben actuar por lei, pero tamén por responsabilidade política e ética”, conclúe Covadonga Suárez, voceira da asociación.

⚙ Configurar cookies
0.17739582061768