A fábrica de Sargadelos volve arrincar sen CEO nin reformas

AMariñaXa
Os traballadores aguardaron hoxe explicacións mentres sindicatos e Xunta reclaman garantías sobre o futuro da planta de Cervo
Sargadelos-4-abril-2025
3 Dec 2025

A primeira hora da mañá deste 3 de decembro, o persoal de produción da fábrica de Sargadelos incorporouse con normalidade aos seus postos, aínda que nun clima de evidente incerteza. Desde os sindicatos recoñecen que descoñecen “que tipo de acordo puido existir entre a Xunta de Galicia e Segismundo García” e admiten que, polo momento, non saben que rumbo tomará a situación. Pregúntanse se haberá subrogación, se existen garantías de continuidade ou se todo responde a “un novo xesto improvisado”.

O empresario Segismundo García anunciou onte a intención de retomar a actividade da factoría de Cervo, malia que a empresa segue sen CEO e continúa pendente das reformas esixidas pola Inspección de Traballo en materia de seguridade laboral. Ademais, non hai previsión de acometer estas melloras a curto prazo.

Pola súa banda, a Xunta reitera a García a necesidade de recuperar canto antes as súas funcións executivas para permitir un funcionamento normal da planta, en beneficio das persoas traballadoras e das súas familias. O Goberno galego lamenta a súa dimisión como CEO e pídelle que reconsidere a súa posición.

Respecto ao ERTE solicitado pola dirección, a Xunta vén de rexeitalo ao detectar incongruencias que impiden validalo conforme á normativa vixente. Lembran tamén que a administración autonómica leva desde abril en contacto permanente coa empresa, o persoal e a Inspección de Traballo, facilitando toda a marxe legal posible para executar as melloras necesarias. Froito desa mediación, a Inspección outorgou a Sargadelos un prazo amplo para cumprir os requirimentos emitidos en marzo de 2025 e setembro de 2024.

Á espera de novas informacións, tanto o cadro de persoal como as organizacións sindicais coinciden en reclamar claridade e garantías sobre o futuro inmediato da histórica manufactura de Cervo.

⚙ Configurar cookies
0.075431108474731