A expropiación dos terreos para poder construír as rotondas de Cangas de Foz comezarán en novembro
As expropiacións dos terreos necesarios para a construción das dúas rotondas proxectadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na estrada Nacional 642 ao seu paso por Cangas de Foz levaranse a cabo a partir do 2 de novembro, tal e como marca o Boletín Oficial do Estado deste luns, 9 de outubro.
O levantamento de actas previas de ocupación levarase a cabo na casa consistorial do Concello de Foz o 2 de novembro entre as 9 e as 14 horas e o alcalde de Foz, Fran Cajoto, mostrouse moi satisfeito polo compromiso do Goberno do Estado co Concello.
“Levamos feitas moitas xestións na anterior lexislatura e tiveron os seus froitos. Non son promesas nin papeis, coa expropiación dos terreos iniciamos de verdade a construción das rotondas de Cangas”, manifestou Fran Cajoto en relación á expropiación dos terreos para construír dúas rotondas sobre a Nacional 642 na parroquia de Cangas.
“Con estas rotondas eliminamos dous puntos negros e facilitamos a mobilidade. O cruce coa estrada a Ferreira é especialmente perigoso: incorporarse desde o Centro Social de Cangas non resulta nada doado. Ademais os veciños de Ribela e a Gralleira ven limitado o acceso ás súas vivendas ao non permitirse o xiro á esquerda sobre a Nacional; con esta actuación imos solucionar este problema”.
Son unhas obras que, en palabras do alcalde, teñen unha “gran demanda veciñal”, tanto pola AA VV San Pedro de Cangas como por tódolos habitantes das parroquias máis beneficiadas: Cangas e Cordido. A obra das dúas rotondas, despois da actualización de prezos, elévase a un orzamento de 720.875,65 euros (IVE incluído).
O alcalde fai un repaso da cronoloxía do proxecto: “o 31 de agosto do ano 2022 publicárase no BOE a aprobación provisional do proxecto. A anterior secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera, presentouno en Foz o 13 de xaneiro deste ano e o 23 de marzo publicouse no BOE a aprobación definitiva. Agora iniciamos as expropiacións: co traballo de todos conseguímolo, pero temos que seguir traballando”.