A exposición Os viquingos de Playmobil chega a Ribadeo
Ata o 8 de xaneiro pódese visitar na Oficina de Turismo a exposición “Os viquingos de Playmobil desembarcan en Ribadeo”, que está composta por máis de 2.000 pezas que recrean a chegada dos viquingos e dos normandos ás costas galegas. Hai unha ambientación da praia das Catedrais.
Xabier Bermúdez Salgueiro, da asociación Aesclicks, contou que “esta exposición trata de recrear o que foron as incursións normandas ou viquingas nas costas galegas. Entón quixemos ambientala precisamente en Ribadeo recreando a praia das Catedrais e a partir de aí un desembarco destes pobos nórdicos, que o que facían era arrasar, facer pillaxe e levar todo o que podían das zonas de conquista. Ao mesmo tempo quixemos recrear como era a Galicia dese entorno do ano 1.000, que era un reino moi importante na Europa occidental, e como estaba estruturada a nivel de poboación das vilas e rural, etcétera, incluso recolle a vida dos mosteiros, que tamén era moi importante naquela época, e sobre todo os tres estamentos: o clero, a nobreza e pobo baixo (labregos, mariñeiros, vilegos, …)”.
Bermúdez dixo que “a mostra andará por unhas 2.000 ou 3.000 pezas. É incalculable porque cada boneco ten unhas 5 ou 6 pezas, entón é moi difícil de saber. Está aberta para todo o mundo con entrada gratuíta, desde nenos a nenos máis grandes”.
E engadiu que “nós pertencemos a unha asociación a nivel estatal, que se chama Aesclick e que ten unha labor social totalmente dirixida á infancia desfavorecida. Entón todo o que montamos é para recadar fondos para asociacións que traballan con nenos en hospitais, casas de nenos en exclusión,… Xurdiu a idea porque queríamos recrear como eran esas incursións viquingas ou normandas nas costas de Galicia e aproveitamos Ribadeo e a icona da praia das Catedrais, entón foi todo moi fácil”.