A exposición Mulleres x Mulleres chega ao Campo de San Francisco

AMariñaXa
A mostra homenaxea a mulleres ribadenses e contará cunha inauguración musical
Ribadeo-Mulleres-por-Mulleres-expo-2025
21 Mar 2025

Do 22 de marzo ao 11 de abril, o Campo de San Francisco acollerá a exposición "Mulleres x Mulleres", organizada pola Concellería de Igualdade. A inauguración terá lugar este sábado ás 12:30 horas e contará cun emotivo concerto protagonizado por catro destacadas voces da música galega, que interpretarán a peza "O noso canto".

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, explicou que esta exposición forma parte da programación do 8M e pretende render homenaxe a mulleres ribadenses, tanto de nacemento como de adopción, en diversos ámbitos: ciencia, deporte, música, política, filantropía ou comercio. "Esta exposición é só un comezo, non está pechada. Queremos visibilizar ás mulleres ribadenses para que as que veñen detrás saiban que poden abrir camiños ou seguir os que outras xa iniciaron", destacou.

A mostra está composta por 12 paneis e foi elaborada polo alumnado do Obradoiro de Animación Sociocultural. Sanjurjo agradeceu o traballo e implicación do estudantado na creación desta iniciativa.

No acto de inauguración participarán Lucía Pérez, Rosa Cedrón, Claudia Abril e María Jorge, quen interpretarán "O noso canto", unha composición de Belem Tajes que simboliza a unión e a forza colectiva das mulleres. "O seu retrouso recolle a certeza de que xuntas camiñamos resoltas cara adiante: ‘Tira de min que eu sempre tirarei de ti’", subliñou a edil.

Begoña Sanjurjo anima á veciñanza a achegarse e compartir esta celebración: "Vémonos no campo".

⚙ Configurar cookies
0.18043303489685