A exposición 'Gromo' de Eloy Hermida poderase ver na casa da cultura de Burela
O vindeiro venres 4 de febreiro ás 19.00 horas será inaugurada na casa da cultura de Burela unha exposición baseada no folklore galego baixo o nome de Gromo.
A mostra é un novo proxecto artístico de Eloy Hermida, deseñador de Sargadelos, que está composto por diversas obras que teñen como eixo central á mitoloxía e ás paisaxes galegas.
O folklore galego sempre serviu para representar os medos e frustracións da sociedade galega, neste caso revive estes mitos para simbolizar as preocupacións máis contemporáneas. Galicia conta cun folklore tan extenso e rico coma as súas terras pero hoxe en día estase a desvanecer pola perda da súa tradición oral.
O obxectivo de Gromo é achegar de novo as historias que inundaron os pobos á súa xente, dándoo a coñecer ás novas xeracións por medio da súa linguaxe artística.
A mostra poderá ser visitada ata o 28 de febreiro de luns a venres en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas.