A exposición de autómatas Kinetiko chega a Burela
Burela acollerá mañá, 22 de setembro a exposición de autómatas Kinetiko organizada por Xirapaus. A mostra xa estivo en numerosos concellos e agora trasládase á Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela.
Xira Paus é un proxecto de Manu Taboada (xogueteiro da Chintofanería) e Ero Vázquez (titiriteiro e artesán de Trécola) que surxiu co propósito de dar e pór en valor o universo dos autómatas.
Trátase dunha exposición na que se poden atopar personaxes musicais que a partir de mecanismos crean sons e ritmos, historias e contos que nacen co movemento dunha manivela ou dun pedal, bonecos que se moven e andan sós, un teatriño de guiñol automatizado homenaxe do tradicional títere de cachiporra, diferentes efectos especiais recurrentes no teatro. A idea desta exposición é que os asistentes poidan xogar manexando os mecanismos das pezas e ver como funcionan.
Así pois, o horario no que se poderá visitar e estará activa será de 17.00 a 20.00 horas. A mostra está organizada polo Concello de Burela e colaboran a área de Cultura, Patrimonio Histórico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo e Trécola Produccións.
Dende o Concello recordan que se levarán a cabo todas as medidas sanitarias do momento da celebración.